Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Iste vaise, aquel vaise e..

09:43 13/10/2009

Este verán lin no blog CROQUES —é onde me informo do que pasa na Galiza— que don Alfredo Conde fóisenos, por fin,  para o castelán, farto de tanta incomprensión. Semella ser o camiño inevitable das grandes plumas. Antes ca el xa o fixeron Rivas, De Toro, Caneiro, Michel Salgado e un tal Cunqueiro. E digo por fin, porque don Alfredo xa non é un rapaz e leva xa contribuído abondo á literatura galega.

Se eu levara no sangue o vicio da escrita, seguramente tamén me iría cara o castelán ou cara o francés ou cara o inglés. Pero fraquéame a determinación, xa que tanto quero un día ser escritor, coma o día seguinte  físico nuclear e o outro mais, ciclista de podio no Tour. O mercado galego é o que é, e por riba, case hai tantos escritores coma lectores. E como as tiradas son cativas, ós escritores só lles queda pelexar a dentadas por uns premios literarios que xamais te van sacar do traballo do que vives.

Neste asunto enfróntanse o compromiso co idioma e a vocación da escrita, dúas forzas que poden seren compatibles ou non dependendo de cal estea por riba. Se un ghicho nacido nas beiras do Arnego leva na alma o bicho da tauromaquia, seguramente non lle abondaría con amosar a súa arte na Praza de Pontevedra, só unha vez cada ano, e así un ano tras outro.  Poida que rematase marchando na procura dos cartaces das Ventas, da Maestranza ou do Relicario de Puebla. Penso que o comprenderiamos, aínda que nos doera. E así comprendo eu a don Alfredo.

O que xa entendo menos é o artigo co que comezou a súa nova andaina cervantina. Cando un se vai, pois vaise e xa. Non se pon un da outra beira do río laiándose do mal que o trataron os de enfronte. Non é nada elegante e non cadra coa aseada fasquía do señor Conde. Ninguén cruza o río sen mais nin mais, así ás tolas; e todos os que o fan han ter mil e unha razóns para facelo. Mais non é de cabaleiros falarlle mal da “ex” á nova parella. Nin é prudente, xa que esta pode pensar que viñeches a ela por despeito e non por puro amor e desenfreo. 

4.4/5 (47 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións