Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

O inventor da apañadora de votos

12:00 24/01/2008

É mais que probable que o señor Xosé Cuíña pase á historia, mais non polo que andan dicindo e contando, senón por unha contribución senlleira ó acervo da ciencia política: o invento da apañadora de votos, un trebello que revolucionou a tecnoloxía política no último cuarto do século pasado e que aínda non foi incorporado ós manuais de estudio nas facultades.

Non ben comezaron a inzar os primeiros votos democráticos, Xosé Cuíña viuse atraído por eles e movido pola típica curiosidade do espírito científico axiña comprendeu que o voto era un tubérculo de crecemento rápido e que se adaptaba a calquera tipo de solo, a saber, que aparecía tanto no chan vizoso do rural coma entre as fendas do cemento urbano. Logo, descubriu que o voto urbano medraba para arriba namentres o rural facíao cara abaixo. Ámbolos dous tipos de voto medían o mesmo no seu total, pero no rural a raíz representaba as tres cuartas partes da planta e no urbano era de proporcións diminutas. Esta descuberta levou a Cuíña, nun proceso de impecable deducción, á conclusión de que o voto rural non ía ser doado movelo cara as furnas nin coa forza do vento nin cun simple varredoiro. Facía falta algo máis contundente.

Así naceu no lalinés a necesidade de inventar a apañadora de votos. Home tradicionalista, Cuíña inspirouse na sachadeira común do millo, e sobre esa estructura deseñou as modificación precisas. Entre elas, e como máis salientables, estarían os sachos dentados, que se encargarían de arrincar o tubérculo pola raíz, e o acoplamento artellado dunha especie de canastro para onde ían parar os votos desprendidos da terra nai e señora. Este último adianto tecnolóxico –coñecido cientificamente como “efecto carrexo”- ía ter unha enorme transcendencia na exitosa posta en práctica do invento.

Amais do sacho dentado e mailo canastro, o aparello contaba con outras virguerías mais ben dirixidas a engaiolar ó maquinista –que nos papeis oficiais recibiría o nome de “pedáneo”-: unha casette Lavis con cinta limpadora, unha antena de metro e medio cunha bandeiriña no curuto, unha bucina espantacáns e dous enormes espellos retrovisores. A pesares de todo o que levaba enriba, a apañadora era lixeira e resultaba doado o seu manexo, xa que tanto a estructura coma calquera elemento que así o permitira estaba construído en aluminio contrachapado, cousa por outro lado lóxica e natural xa que a familia do inventor posuía xa daquela un taller especializado nese elemento metálico.

Dicir a estas alturas que a apañadora de votos foi todo un éxito de vendas non é contar nada novo, como tampouco é novidade afirmar que os grandes beneficiados foron o Partido Popular –empresa que se fixo coa patente do artefacto- e o propio inventor –do taller da familia saíron todas as unidades producidas-. Pero si quixera confesar que eu vin como traballaba o trebello diabólico, con que delicadeza arrincaba o tubérculo, con que amabilidade o carrexaba ata a furna de cristal. ¡Deus, que máquina! Namentres, eu alí mirando apampado, co queixelo apoiado no mango do varredoiro de carqueixa e con cinco votos que conseguira apañar na miña parroquia. ¡Deus, que miseria!

4.71/5 (51 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións