Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A xénese da cor maxenta

11:40 21/12/2007

Hai trinta anos a filiación política distinguíase ó lonxe: os azuis eran ghuapos, sofisticados, vestían traxe e gastaban gomina; os roxos, non é que foran feos, pero si un chisco descoidados, coma se confiaran a cegas na beleza natural (eu son da teoría de que os roxos ganaban moito espidos e de aí a explicación de certas cousas incribles) e, por suposto, o traxe só coa escopeta do sogro nas costas; e por último, os nacionalistas (subespecie dos roxos), que elevaban a faísca dos manichos á esaxeración, ata converterse en especímenes esperpénticos e basicamente feos (uns mais que outros, claro).

Trinta anos despois a cousa é ben outra. O imperio Zara unificou a vestimenta duns e outros e o ColaCao fíxonos a todos mais altos e mais ghuapos. Hoxe por hoxe a fasquía xa non determina nin define a marca política do animal. Así que, non hai outra que agardar a que abra a boca e fale palabras para situalo aquí, ou alá, ou acolá (os do BNG estamos sempre acolá).

Pero se a aparencia se fixo unha, a esencia leva o mesmo camiño. Azuis, roxos e nacionalistas utilizan case as mesmas palabras e fan con elas as mesmas frases case. Agás no asunto da terra que consideramos nosa, no que os últimos se diferencian clara e nitidamente dos dous primeiros, no resto dos temas hai consenso no fundamental. E o fundamental é a economía, o “peto”. Os roxos abandonaron definitivamente o soño da planificación centralizada e os azuis o soño dunha sociedade liberal. A cambio de vivir o resto dos seus días en amor e compañía nunha economía social de mercado, onde azul e roxo desaparecen para dar vida a unha nova cor: o maxenta. Se ti comes algo de mercado eu cómoche algo de estado, e comemos do mesmo prato. Ou algo así.

E son felices no sistema os uns e mailos outros, porque ámbolos dous saíron gañando no troco (condición sine qua non do intercambio económico): os roxos precisaban MERCADO que lles dera riqueza, porque a pobreza non dá para moita repartición; e os azuis querían ESTADO que lles dera poder, xa que un político sen orzamento é coma un xardín sen flores.

4.65/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións