Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A mosca xaxá e mailo gobernador

19:16 20/11/2009

Ó Gobernador do Banco de España debeuno picar a mosca xaxá, porque doutro xeito non se explican os seus febrís abaneos. Hai un ano, el e mais o señor Zapatero coméronlle a orella a medio mundo –o medio mundo que aínda ten orellas- coa boa nova da excelencia e fortaleza do sistema financeiro español, causando envexa e abraio  nas grandes potencias, que vían impotentes como se derrubaban os seus bancos máis emblemáticos.

Pois é que un ano despois a cousa xa non é tan perfecta e sobran a metade das caixas de aforros, polo que terán que irse arrexuntando polas boas ou polas boas. ¿Como é posible que nun ano cambie tanto o panorama? Hai un ano, o tamaño das entidades non supuña atranco de importancia. ¿Por que trescentos días despois o tamaño si importa? ¿Ou é que a situación non era o idílica que predicaban daquela e hai buratos negros que tapar?

Porque a cuestión do tamaño cheira a escusa. Xa é lugar común dicir que en economía o tamaño propicia economías de escala e reducción de custes, pero debe ser producto do natural desenvolvemento dos procesos empresariais, xamais decretado dende un organismo que fixe tamaños mínimos. Ademais, en por si, o tamaño non garante o éxito empresarial. Nesta crise caeron grandes, medianos e pequenos proxectos empresariais; e caeron non pola súa dimensión, senón por unha xestión errada da incerteza.

Se non hai buratos negros, Caixa Galicia e Caixanova poden seguir a súa andaina cada unha cos seus propios pés. E se hai buratos, as fusións correrán un tupido veo sobre deles e os causantes salvarán o pelexo sen o correspondente castigo. Por eso non me gustan as fusións amañadas dende arriba. E o que si non me quita o sono é a perda da galeguidade das nosas caixas. Hai xa tempo que os cartos voan ceibes por riba das nosas cabezas sen importar que ventos os traen nin que ventos os levan. Porén, que non sexamos capaces de artellar un grupo lácteo propio, por poñer un exemplo, eso si me doe. Ou que Fenosa xa non sexa galega, tamén me doe. Ou que os beneficiarios do concurso eólico poidan ser do quinto carallo. Ou que o 80% dos galegos vote franquicias que xa non lembran onde perderon a súa galeguidade. ¡Xa abonda de tanta antubiada!

4.7/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións