Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

O día que toleou Virginia R. Mateos

09:50 01/07/2008

Eran as sete da mañá. Era martes 24 de xuño. Entre grolo e grolo do café con leite de máquina estaba eu a ler o FARO dese día. Coma sempre, só reparaba nos titulares das novas e non en todas. Ata que cheguei á carta que unha lectora lle mandaba á Redacción, e alí enfociñei. A escribidora respondía ó nome de Virginia R. Mateos.

Dicía a individua (eu son moito de Bibiana Aído) que “el afán liberticida nacionalista no conoce límites. No contentos con haber obligado a desterrar el español escrito en Galicia, pretenden que tampoco lo hablemos…”. A esas horas recentes do día, co motor a ralentí e lagañas nos ollos, pois asusteime, que queredes que vos diga.

¡Era visto! ¡Os meus amigos do Bloque aló van no monte, coas escopetas da armería Álvarez ó lombo e a boina estrelada ben encasquetada ata as orellas! Pensei en chamar a Quintana para que mo confirmara, pero axiña desbotei a idea por consideración a Cristina e mailas crianzas, que moi seguro durmirían daquela felices e inocentes.

Imaxinei o que me esperaba ó chegar ó quiosco da Praza Maior. Alí estarían os exemplares de A VOZ DE GALICIA, de O PROGRESO, de A NAZÓN (antes A Rexión, antes La Región, antes nada que non existía), de O PAIS; todos e con todo en galego. ¡Miña naiciña! Incluso o MARCA e mailo AS relataban en galego as patadas triunfantes da Vermella e as eternas desculpas do Fernando Alonso. Incluso O MUNDO e A RAZÓN viñan en galego, incluída a columna de don Federico, coa mesma acedume na palabra, pero en galego. ¡Meu Deus! ¿Era ou non para asustarse o que estaba pasando?

Estaba tan asustado que non era quen de volver pasar as follas do FARO e comprobar así a desfeita. Porque se Virginia levaba razón, eu viña de ler o FARO en galego e nin conta me dera. Así que xuntei as forzas necesarias, volteei o xornal e comecei a miralo dende a primeira folla. ¡Nada que vai para ningures!. A portada estaba en castelán, as follas do Deza e Tabeirós tamén, e tamén as de Galicia, España e mais as do Mundo Enteiro. E tamén as dos deportes. Incluso os mortos seguían morrendo en castelán, coma onte e antonte, coma sempre.

E logo Virginia, ¿por que dixera o que dixo? Namentres arrimaba a barriga ó mostrador para pagar, pensei que Virginia toleara e sentín mágoa por ela. A desconexión da realidade é un dos síntomas de case todas as enfermidades mentais e a pobre tiña todas as trazas de padecer unha ou de estar a piques de.

E sendo así, ¿o FARO por que publicaría a carta? ¿Tamén perdeu el o contacto coa realidade? ¿Ou é que publica todo o que lle chegue, veña de onde veña, poña o que poña?

4.69/5 (65 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións