Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Nin contigo nin sen ti teñen os meus males remedio

11:00 02/12/2009

Meu curmán Alfonso —coñecido na esmorga polo Morocho da Eirexe e membro activo da corrente bloqueira Mais BNG— levoume como invitado á constitución da formación política o pasado 21 de Novembro. Como é costume na familia, chegamos un chisco tarde á Facultade de Económicas, e subimos a empinada aula Jose Afonso ata o mesmiño curuto. Esta querencia pola traseira da procesión tamén pertence á xenética familiar, seguramente baseada na esperanza de que os últimos algún día serán os primeiros, ou se cadra confiando en que se o mundo é redondo e a ringleira moi grande, nalgún intre podemos chegar a confundirnos cos que levan o pendón.

A pesares da tardanza, aínda collemos o debate dalgunhas emendas, desas de quítame ese punto de aí e pono acolá, ou onde di “puidera” ben podería dicir “puidese”. Esas pequenas cousiñas tan próximas ó movemento asembleario. E chegou a última emenda, que era á totalidade, presentada por non sei quen, e que arengaba ós alí presentes a abandonar dunha vez o barco do BNG, encargando xa un buque novo e aquelado ás nosas medidas e ilusións. Meu curmán dábame pequenos golpes de cóbado e asentía coa cabeza coma dicindo “Si señor, así se fala”. Eu tamén abaneaba a cabeza coma o cadelo da bandexa traseira dos coches. Cando rematou a arenga, unha marea viva de aplausos asolagou o auditorio.

Como é de lei, tan revolucionaria emenda tivo un retruque da mesma envergadura, a cargo do Liberador de Allariz. Falou ben e con sentidiño, vindo a dicir que a construción dun buque leva o seu tempo; e despois hai que agardar que flote, e namentres, ¿que?, ¿aboiando no proceloso mar da política riba dunha gamela? Meu curmán volveu asentir coa cabeza e díxome: “Pois mirado así, tamén non lle falta razón”. Eu volvín arremedar ó cadeliño articulado. O mesmo estrondo de aplausos despediu ó heroe alaricano.

Rematadas as emendas, namentres baixabamos un café, pregunteille ó meu curmán: “¿E que facemos logo? Porque dentro mal, e fóra peor..” O Morocho da Eirexe, un chisco sobordado polos acontecementos, díxome: “Pois ficaremos na porta, que malo será.”

4.32/5 (37 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións