Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Un home remexendo no colacao

13:00 20/12/2009

“O que vexo é que sempre que escribes do BNG non é precisamente para botarlle flores. Non te entendo, ou es ou non es.” Algo así me dixo a muller, namentres eu preparaba na cociña un leite con colacao. “Xa non sei como te invitan a ir ós sitios, se despois vas contar o que contas”, aínda engadiu. Saquei o vaso de leite do microondas e boteille dúas culleradas acuguladas de colacao. Sentei á mesa e púxenme a remexer.

Namentres lle daba voltas á culler, expliqueille á señora que falo dos meus porque é o que coñezo, que non falo do PP nin do PSOE porque descoñezo como resolven as súas diferencias, se é que as teñen. “Ademais, falo dos que quero e me interesan”, sentenciei. O po de cacao íase disolvendo e o leite escurecendo a cor. Xa só ficaban na superficie granciños desiguais que seguían a dar voltas en redondo, coma resistíndose a desaparecer. A muller seguía a roñar, pero eu miraba apampado o rouceo eterno dos granciños.

“De acordo, paréceme ben que fales dos teus, pero fala ben logo”, escoiteille dicir. Agora xa só sobrevivían catro granciños, un deles un chisco mais grande ca o resto, e de alí a unhas voltas mais de culler, só o mais grande se mantiña a flote e mesmo semellaba non perder envergadura por mais voltas que daba. “¿E eso que mérito ten?”, pregunteille. Non sei se me respondeu, porque eu xa estaba encacinado co demo da faragulla insoluble, e seguín remexe que te remexe. “Ti disólveste como hai deus”, debín pensar.

Pois non. Despois dun bo anaco, e para o meu abraio, o que sucedeu foi que comezaron a formarse novos cadulliños de cacao, e canto mais remexía, mais aparecían sobre a superficie do leite. Nunca tal cousa vira. Logo de media hora remexendo volvía estar coma cando empecei. Entón escoitei a voz da muller que me preguntaba: “¿E que non podes facer coma o teu amigo Cuíña?” “Home, non é o mesmo caso. El é un tipo de dereitas escribindo para lectores de esquerdas. Só faltaría...” “¿E logo que es ti?” “Un home, basicamente. Sábelo ti ben, muller.” Pero non me atrevín a contarlle a descuberta que viña de facer: Que se pode forzar a disolución do colacao ata un punto, pero mais alá del, a disolución recorre o camiño inverso ata o mesmo estado orixinal. Non sei, tiven medo a que me tomara por tolo.

4.74/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións