Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A democracia no rural: 5.000 palcos da música

11:26 17/04/2008

Posiblemente foi que aló polos albores da democracia, un pedáneo calquera dunha parroquia calquera do rural pensou na construcción dun palco da música permanente (permanente o palco, non a música). É mais que probable que quixera facerse de notar perante o resto dos parroquiais e asemade agradecerlle así o seu apoio electoral masivo. Se cadra os veciños preguntáronlle canto lle ía custar a eles, e como o pedáneo lles confirmou que todo a conta do alcalde, pois todos a unha dixeron: “Pois logo adiante co palco”.

Ó día seguinte o noso anónimo pedáneo, que por suposto tiña cédula de manexo da diabólica máquina MAP75, contoulle a idea ó alcalde e a este chispeáronlle os ollos de contento porque levaba xa un tempo cavilando en como pagar como era debido os votos do rural e non daba coa moeda. Xa lles puxera farolas nas casas patruciais, algunhas incluso con bombillas, e estráralle de croio moído as congostras principais. Pero eran investimentos de pouca dura e menos lustre, xa que á volta dun ano, as choivas e maila lama soterraban o firme, e das bombillas quedaba o recordo. Sen embargo, un palco da música de ladrillo, cemento e caleado de branco impoluto eran palabras maiores. Ademais, como non respondía a unha necesidade sentida e reclamada, ninguén lle ía poñer pegas. En resumen, aparente e prescindible: o súmmum do investimento político.

“Hoxe é un día grande para Pedroso (por exemplo). Hoxe deixades de seren cidadáns de segunda, porque xa contades cun palco da música coma os que hai nas vilas e nas cidades”, díxolles o alcalde o día da inauguración. E non lles mentía: era polo San Xoán e os días eran certamente longos, e tamén era certo que as vilas e cidades contaban con palcos da música. Mais como político de éxito non lles contaba toda a verdade: os días eran grandes independentemente da vontade do alcalde e o palco inaugurado nada ou pouco tiña que ver cos que campaban nas vilas e nas cidades. Os destas últimas case todos eran de cantería traballada, con varandas de ferro forxado e con teitos cheos de arabescos e filigranas; e non había un igual a outro, xa que os promotores –Sociedades Benéficas, Amigos da Música, Indianos, Círculos das Artes, ou tres ou catro ricos constituídos en Asociación Cultural- eran xente do lugar e querían que o seu fose o palco mellor e máis garrido. Nada, pero nada que ver, co palco novo de Pedroso, de estructura rectangular (os das vilas tiñan forma circular) e feito a golpe de ladrillo, area e cemento.

Despois do de Pedroso viñeron todos os demais, un tras outro. Seguramente polo principio de imitación -¿por que nós non facemos coma os de Pedroso?-, se cadra por trasfego de información nas sesións da Fegamp –“Non sei que carallo facer nas aldeas...non piden nada...”, confesaría un dos munícipes. “Ai pois eu fíxenlle palcos da música en todas as parroquias. Sonche bos de facer, non moi caros e vense ben ó lonxe”, fachendearía algún outro. “Pero hai parroquias nas que xa non fan festa...”, insistía o primeiro. “Ah! ¿e quen che di a ti que non volven a facer festa ó ver o palco novo?”. “Home, mirado así...”.- Fose como fose e polo que fose, o caso é que en poucos anos o rural galego encheuse de palcos da música de idéntica feitura e democrática beleza.

A día de hoxe, moitos daqueles palcos están abandonados, e algúns non chegaron a escoitar outras notas musicais cas dos paxaros na primavera. E nas parroquias que si os utilizan atópanse co problema de que as orquestras de certo renome viaxan con palco propio, polo que o palco de cemento queda para rifar o lacón, a xovenca ou unha reproducción do santo patrón­. Se o inmenso Otero Pedraio compilara hoxe a súa Historia de Galicia, tería que incluír os palcos da música entre as construccións típicas do noso rural, canda outras de igual factura e parecido éxito como os Locais Sociais e os mini-parques infantís.

4.8/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións