Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A viaxe da pobreza segura á riqueza incerta

09:30 19/07/2009

Ata ben entrados os tempos modernos, o agro galego levaba séculos instalado nunha economía de subsistencia e autoconsumo, dándolle doada saída ós escasos excedentes productivos na arañeira de feiras que debuxaba todo o país. A reducida productividade e maila gran diversidade de producto mantiñan e garantían un ecosistema de gran beleza, e pobreza sostida e sostible. Sostible grazas a que os brazos excedentes buscaban saída desesperada na emigración.

Coa entrada na Unión Europea, os poderes públicos coméronlle a orella ós labregos con ladaíñas do mundo empresarial —especialización na producción leiteira, economías de escala, modernización productiva...— co obxectivo explícito de convertelos en empresarios de éxito. E non dubidaron en apoialos neste proceso de transformación con axudas financeiras, avais, subvencións directas, ...etc. E conseguírono; e de paso, mudaron a paisaxe rural e o seu cheiro ancestral.

A conversión global e forzada —a alternativa era o abandono do campo— de todo un colectivo en empresario foi, penso, un gran erro. Nin todo deus sinte a chamada emprendedora nin, por suposto, vale todo deus. Se a esto se lle engade que se lle impuxo un tope á súa capacidade productiva, estábase xa a desvirtuar a súa condición de empresario. Algo así coma se a un paxaro lle cortas as ás.

Nesa tesitura de limitación da cantidade producida por parte da UE e seguidor dos prezos marcados por un oligopolio de tres ou catro compradores, ó noso gandeiro-empresario só lle restaba actuar sobre a reducción do custe. E foi así que se centrou en montar cooperativas de compra no canto de cooperativas de venda, o que tería mais lóxica empresarial nun marco de viabilidade futura. Así que, cando agora nas rúas de Lugo e Santiago brúan os tractores, os poderes públicos non poden asubiar e botarlle as culpas ó libre mercado. Porque non é libre o mercado do leite, e porque foron os poderes públicos os que afalaron ós labregos cara estas gándaras.

4.73/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións