Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A proclamación de Quintana: eu non estaba alí

18:00 10/10/2008

Cando a autoridade competente me comunicou que era un dos delegados comarcais elixidos para proclamar a Quin candidato a Presidente da Xunta, disimulei como ben sei eu a ledicia que me gurgullaba no foleco e contestei aquelo de “Se hai que ir, vaise”.

De seguido, empecei a proclamar a boa nova diante de familiares, amigos e achegados, para darlles a entender que, por fin, a Nomenklatura valoraba a miña senlleira contribución ó espallamento do pensamento nacionalista e, se cadra, ata soñei unha noite que lle gañaba a Marcelino F.Mallo a carteira de Economía e Facenda no novo goberno.

A ledicia na casa do pobre ten pouca dura, e só uns días despois unha nova chamada telefónica –estas cousas non se din á cara- guindoume da delegación coa explicación de que a cuestión paritaria fora a culpable: había que respectar o a norma do cincuenta-cincuenta, e seguindo o criterio LIFO de xestión de existencias, pois tocábame baixar do carro a min, que fora o último en subir. ¡Porca miseria e porco criterio de xestión! ¡Porca vida, en xeral!

Pois xa me vedes a min desandando o andado, contándolle a mala nova ós mesmos que antes lle dera a boa e arrefriando o conto con aquelo de “Total, para ir levantar o brazo do SI e botarlle o himno no remate...”. Nos días que aínda faltaban para o domingo 5, e coa autoestima baqueteada, deille voltas ás verdadeiras razóns , mais aló da desculpa oficial. Puidera ser que tiveran medo de que no medio dalgún discurso, fora eu e berrara aquelo de ¡Viva España! (un berro típico dos da Balouta, cando os embarga a emoción e mailo alcol); ou que nun descoido da delegación, sacara unha pancarta contra a Cultura da Cidade, contra o vento dos muíños, ou contra a Carabina de Ambrosio; ou mesmo unha con mensaxe subliminar “Da Quintana dos Mortos ó Quintana dos Vivos”.

Porén, a quen non lle contei que fora descabalgado da nacional comitiva foi á miña santa, mais por non desgustala –amosaríame o seu sempiterno apoio cun “¡Era visto! Es un ninguén ata no Bloque”- que por outra cousa. Así que, como tiña que pasar o domingo fóra da casa, pedinlle á Organización se podía encargarme de buscarlle á Delegación un sitio para xantar, argumentando que xa na mili fora cabo furriel e blablabla. Por aí pasaron, seguro que por conmiseración, porque son humanos e teñen sentimentos.

E foi o que fixen o xubiloso día 5 de Outubro, o día no que Anxo Quintana –brillante e con futuro, que diría o amigo Rafa Cuíña- era proclamado líder indiscutible cunha asombrosa e imprevisible maioría. No tempo que me quedou libre nos asuntos da intendencia, andei dando voltas arredor do Pazo de Congresos, coma un can arredor dun palleiro. E vin algún que outro famoso, coma o alcalde de Pontevedra –con xersei arrubiado-, o Suárez Canal –con xersei verde pistacho-, a Encarna Otero e a mesmísima Ánxela B –moito mais feita ca na tele-. A quen non vin foi a Ramón Regoufe de Ardebullo, e sentino ben. Se cadra tamén estaba rillando o polbo no san Froilán.

4.33/5 (70 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións