Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Historias de Cadrón

13:30 06/05/2010

Son fillo e neto de labregos, e como tal, fun labrego a tempo parcial nos días de rapaz e mozolo. Como lle pasaría a maioría que compartira esta condición, o tempo que nos quedaba libre de escola repartiámolo entre brincadeiras e traballos acorde coas nosas crecentes forzas: primeiro, que si gardar a facenda, ou sobar os carros de estrume e herba seca; mais adiante, que si sachar no millo, ou carrexar mollos e botalos abaixo da meda; e xa mais despois, cando nos brazos aparecían bólas duras, que si rozar as beiras e arribadas, ou partir leña co machado, ou arrincar, cargar e estender no esterco. Todas estas angueiras entraron no noso currículo moito antes de seren avogados, médicos, camioneiros, policías ou ladróns.

Tamén fun labrego a tempo completo durante dous anos, dos dezaoito ós vinte. Cando rematei COU, seguramente mareado polos serodios fumes e cantigas que viñan de Woodstok, cheguei á casa e díxenlle ós meus pais que non ía seguir estudiando, que quería ser labrego. Miña nai –que xa levara unha decepción coa miña saída do Seminario- tomouno con paciencia e resignación, xa que era de dominio público que os fidalgos de Cadrón eran listos, pero tardaba en virlle o coñecemento; e ela, fidalga maior, sabíao mellor ca ninguén. A meu pai, aínda que non dixo nada, penso que lle gustou, non en van eu era o fillo mais vello e a miña fasquía de vinculeiro presentaba mais solidez ca de meu irmán, que era un mexericas ata comendo.

Porén, era un labrego un chisco peculiar. Facía o que me mandaban e sen protestar moito, pero aproveitaba calquera tempo morto entre angueiras para coller un libro e ler. Claro, miña nai dicía: “¿pero non quedamos en que non querías seguir estudiando?” “Xa, mamá, pero eu quero ler o que me da a gana”, contestáballe eu. O problema empeoraba polo feito de que non só lía na intimidade –como lle pasaba ó Aznar co catalán ou a min mesmo con outros vicios aquelados-, senón que o facía gardando as vacas nas leiras e prados, á vista de quen tivera ollos. Así, chegou a ser unha postal típica do lugar a miña garrida figura estampada contra o horizonte, cunha vara encaixada no sobrazo e pasando as espesas follas de O SER E MAILA NADA, e cun ollo posto nos movementos da facenda. Penso que ata as mesmas vacas comentaban entre si: ¡Pero esto que é!

E nesas chegou Castelao, nunha edición espartana do SEMPRE EN GALIZA, coas capas de cor verde e azul, e a letra miudiña. Eu estaba no prado do Couto, sentado contra o valado e aproveitando as raeiras do sol de Maio. ¡Nunca tal cousa vira! ¡O meu dialecto nun libro tan gordo coma o de Sartre! As palabras que alí viñan impresas eran as mesmas que eu falaba e contaban as cousas que tiña arredor e preto do corazón. Cativo do vicio de estudiante de subliñar os parágrafos e frases que non quería esquecer –no caso de O Ser e Maila Nada non lembro que mollara o lapis unha soa vez-, decidín cambiar as tornas e subliñar o que non me importaba, xa que do contrario tería que pintar o libro enteiro e mercar a fábrica dos lapis. 

Non sei os criterios de clasificación e arquivo que segue o meu cerebro, nin llo penso preguntar. Alá cada un. O que si sei certo é que a lembranza dos días da lectura primeira de Sempre en Galiza é tan nidia que mesmo parece que me estou vendo, trinta anos atrás, o pelo en melena e a camisa desabrochada por falta de botóns. Outro tanto me pasa con outras primeiras veces e xa estou empezando a preocuparme. Porque non sei se abrollan por simple e puro azar, ou porque as boto en falta, ou porque xa vou derivando cara a vellez. Como dun tempo acó gasto mais folgos en lembrar cousas ca en soñalas, todo me dá que vai ser cousa da deriva esa; e de ter que derivar á forza, eu escollería outra calquera, aínda que fora a quintanista de Rafa Cuiña.

4.83/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións