Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Defensa dun virachaquetas calquera

21:10 16/03/2010

Para a Real Academia Galega o termo virachaquetas ten unha soa acepción: persoa que cambia de ideas ou de partido político segundo lle convén. Aínda que a RAG non especifica que se trata dun termo pexorativo, penso que cadraredes comigo en que dicir de alguén que é un virachaquetas non é precisamente botarlle flores. Non sei se mais ou menos pexorativo que chamarlle “gallego”, que non teño aparello de tanta precisión.

O virachaquetas é unha persoa. Non se aclara se humana ou non, pero algo é algo. Agora ben, xa sabemos que non poderemos referirnos como virachaquetas a un gato, e mira que cambian de idea os condenados; nin a un piñeiro, aínda que domeen segundo bufe o vento; nin ós volcáns, que ora dormen tranquilos ora lle da por cuspir as tripas.

Amais de persoa, para alcanzar o grao de virachaquetas hai que cambiar de ideas. Home, ata aquí todos entrariamos dentro do cualificativo, tendo en conta que dende a infancia entre xantar e xantar imos devorando ideas, conservando unhas poucas, desbotando moitas outras, e esquecendo a meirande parte delas. Esta capacidade do ser humano para recibir nova información, procesala e validala, permitiunos baixar das pólas e andar de pé. Polo tanto, o simple feito de cambiar de ideas non semella ser nada deshonroso nin motivo de maldicir.

¿E cambiar de partido político? Se podemos cambiar de ideas sen luxar a nosa honra, e tendo en conta que os partidos políticos nacen coma depositarios e defensores dun ideario, deberiamos  concluír que cambiar de partido non é algo pecaminoso ou contranatura. ¿Por que logo tanto rebumbio? Porque o partido é unha organización e como tal aspira a ser canto mais grande mellor, incluso ata converterse en partido único –aínda que esto último, en democracia, é prudente non mencionalo de xeito expreso, polo que dirán-. Calquera deserción nas filas propias representa un paso atrás na procura do seu ansiado totalitarismo.

Como derradeira condición establece a RAG a comenencia propia. E se aquí está a chave do asunto, vaiche boa a navalla. E dicir, que se o tal Eliseo Fernández mudou o PSOE polo PP por axudar á pacificación dos utus e tutsis, non estariamos ante un caso chaqueteiro; aínda que se pensamos que esta axuda nobre e desinteresada pacificou a súa alma atormentada, aí habería un beneficio propio. E se o tal Eliseo o fixo a punta de pistola, poderiamos tamén desbotar o chaqueteo; aínda que se pensamos que así salvou a súa vida, ¿que meirande beneficio propio poderiamos atopar? Porén, se o pobre Eliseo transfugou por mor de facerlle fronte a uns apuros económicos, parece claro e meridiano a existencia do chaqueteo; ou non, porque se co cambio pode facerlle fronte ás débedas, os primeiros beneficiados van ser os seus acredores.

4.87/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións