Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A señora Lago, Galiza e máis eu

10:29 05/07/2009

Cando a tal señora Gloria Lago di que só as persoas individuais son suxeito de dereitos e deberes, e non os pobos nin os territorios nin as linguas, eu non podo mais ca estar de acordo con ela. Mais que nada, porque os últimos non existen de seu. Non existe de seu España, nin o seu castelán. Non existen os USA, nin o seu inglés, ¡e mira que arman bulla!. E xa bravos, non existe Galiza nin o benquerido galego.

Países, pobos e linguas existen porque antes hai paisanos, poboación e faladores que fan posibles aqueles. Porque un país sen paisanos, ¿é algo mais ca un anaco de cortiza terrestre?; e un pobo sen xente ¿algo mais ca unha entelequia histórica ou futurista?; e unha lingua sen faladores ¿que é mais ca unha lingua morta? Así pois, claro que acordo co que di a señora Gloria Bilingüe; pero eso si, sempre que o razoamento manteña unha validez universal.

Explícome. Ela, como suxeito da vida intelixente sobre a terra, ten dereito a pertencer ó país que mais lle conveña, sentirse do pobo que mais lle quente o corazón e falar a lingua que mellor lle sente ó seu padal e, como non, transmitirlla ós seus descendentes. Por suposto, eu tamén gozo dese dereito, e o outro e o de mais aló. Ata aquí, sen problemas. Eu podo sentirme só galego e ela só española. Eu podo falar galego ata onde me entendan e ela castelán ata a pampa arxentina..

O problema xorde, para dona Galicia Lago e mais para min, cando  o dereito que esiximos debe ser garantido por unha administración pública. Entón é moi probable que nin ela nin eu vexamos cumpridos os  nosos desexos: se eu pretendo un dni galego, ou que a Xustiza se dirixa a min en galego, ou que os homes verdes me den o alto en galego, os poderes públicos diranme que nanai; e se ela pretende estudiar os seus fillos só en castelán, ou que haxa carrís-bici para indíxenas e outros para brancos, ou que pechen dunha  vez o xornal Vieiros, pois tamén lle dirán que nanai. E nanai significa que nin hai cartos nin vontade nin consenso para facelo.

4,84/5 (62 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións