Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Así coma quen

21:41 17/02/2008

Nos veráns da infancia os irmáns Sucasas gastabamos as longas sestas dos maiores xogando ó ASÍ COMA QUEN. Ás veces faciamos de vaqueiros do oeste, ou de cantantes de Eurovisión, ou de taberneiros, ou de choferes de Pereira e Gómez de Castro; outras veces repartiámonos entre policías e ladróns, ou médicos e pacientes, ou cregos e freguesas. Lembro que durante unha tempada deunos por seren presentadores do “parte” televisivo. Cada un de nos presentaba o “parte” un día virtual –o día natural podía contar con centos de días virtuais-, e o resto dos irmáns facían daquela de telespectadores. No seguinte “parte” había outro presentador, e o resto a sentar diante do aparello emisor. A pantalla era un cribo rectangular. deses de peneirar a fariña- e facía de micrófono un carolo de millo espetado nun pao. Nin que dicir ten que se trataba dunha emisión tipo codificada por mor do arame do cribo, pero a tecnoloxía era a que era e mellor eso ca nada.

Veume esta lembranza tan nidia do pasado a conto dunha reportaxe que vin na TVSB (Televisión Salnés Barbanza), nunha gaceta informativa emitida na fin de semana do Entroido. A noticia era a presentación na Fitur de Madrid dun novo sistema de información turística da comarca do Salnés, baseado na tecnoloxía GPS e con difusión vía bluetooth. Así, para todo viaxeiro que dispoña do dente-azul vai poder consultar que lugares visitar, onde comer ben, que praias hai nos arredores, etc. E mais aínda, pode ver en tempo real na pantalla do seu móbil se a praia está ateigada de xente ou aínda queda area para el, e así decidir ir na súa procura ou buscar outra alternativa.

Para a presentación en sociedade desta boa nova desprazáronse a Madrid o representante da empresa que elaborou o software, o Presidente da Deputación de Pontevedra, os seus Vicepresidentes primeiro e terceiro –o segundo andaría cos seus porcos non moi lonxe-, a alcaldesa de Sanxenxo e outro que andaba por alí, pero non lle din collido a matrícula. Primeiro subiu á tarima o señor Louzán e falou un anaco; cando rematou, baixou , abrazouse no señor Figueroa –que subía o chanzo- e sentouse a escoitar o que dicía o outro; cando este rematou, baixou, abrazouse no señor JJ Durán –que subía o chanzo- e sentouse a escoitar o que dicía o outro; cando este rematou, baixou, abrazouse na señora Catalina –que subía o chanzo- e sentouse a escoitar o que dicía a outro; cando esta rematou, baixou, abrazouse ó descoñecido que subía o chanzo e sentouse a escoitar tamén; no fin e remate, baixou o descoñecido, abrazou ó representante da empresa que subía, e sentouse a escoitar as excelencias e virtudes do novo producto.

O clímax do esperpento chegou cando o cámara fixo un varrido e deixounos ver a dimensión da audiencia para tanto discurso e abrazo: dúas ringleiras de seis banquetas, na primeira sentaban os arriba mencionados oradores e na segunda, xente descoñecida para min, pero que ben podían ser os propios choferes dos primeiros. O camarote dos irmáns Marx, ou algo así. Ou tamén a cribo-televisión dos irmáns Sucasas, onde cando non presentabas tiñas que facer de espectador.

4.7/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións