Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Imos de mitin, ¿vés?

09:30 21/06/2009

Os mitins políticos son rituais de autoafirmación da fe propia e cada vez seméllanse mais ós ritos relixiosos, onde uns chamáns expoñen a doutrina a un fato de fieis seareiros que cantan salmos, berran aleluias e aplauden os intres álxidos da oratoria oficiante. Mais aló da nota de prensa garantida, mais aló da escola de prácticas oratorias, mais aló da xuntanza dos xa convencidos, ¿serven para algo mais?

Nos pasados comicios europeos asistín a un só mitin, ó dos meus en Lalín. Estabamos dez persoas para escoitar a dúas que nos viñan falar: Carme Adán e Alberte Souto. Vendo o aforo presente e sabendo que eramos todos coñecidos e coñecedores da mensaxe divina, eu crin que os faladores aproveitarían para contar dous chistes, algún dixomedíxome e, despois, marchariamos en amor e compaña a baixarlle unhas mirindas no Currás.

Mais non foi así. Carme gastou media hora maldicindo do neoliberalismo e da Europa construída sobre dese ismo. Eu, que sempre fun moi liberal, non llo tomei a mal, porque sei que é boa xente, cre no que di e é mais feitiña ca unha donicela riba dun valado. Pero despois dela oficiou o Alberte, e falou todo o que tiña dentro. Tanto falou que me deu tempo a cruzar e descruzar as pernas, estarricalas, engruñalas, e facer  centos de figuriñas papirofléxicas co folleto da propaganda. Como Alberte non é o meu tipo, evitaba miralo; porque de facelo, pareceríame estar vendo ó cura de Santa Comba nos seus días mais gloriosos, cando alzaba a vista cara o ceo da igrexa e deixábanos ós mortais a estampa estarrecedora dos seus ollos en branco.

Houbo un intre no que pensei que nos iamos poñer de pé e recitar a coro aquelo de “Creo na Galiza Nai e Señora, creadora do ceo e mais da terra, creo en Alfonso Daniel o seu único fillo......Creo no Benegá, único e verdadeiro,....” Entón dinlle co cóbado ó que tiña á miña dereita e díxenlle polo baixiño: “E eu que deixei de ir á misa para non escoitar sempre a mesma trécola...”

4.35/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións