Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Na proclamación de Guillerme andei por aí

10:15 17/05/2009

A noite do sábado 9 durmina en anacos, excitado por non saber que roupa ía poñer ó día seguinte. Na tardiña andara co senlleiro filólogo Fernando Pio de Ana tratando de achegar liñas de actuación, pero o tema da roupa pasóusenos. E cando alborexou o día grande, o formigo da indecisión non me deixaba nin ir cara adiante nin cara atrás. Ata cheguei a maldicir o herdar un fondo de armario tan vasto e variado. “Se só tivera un traxe de bonito, esto non pasaba...¡Mira que son gañas de complicar a vida!”, mandeille un recado á muller.

Ensaiei primeiro cun tres-pezas da liña U de AD, en tons grises e negros, pero desboteino por parecerme un chisco tristeiro para o día soleado que se adiviñaba. Logo tocoulle a un traxe de liño en cor pastel que me trouxo lembranzas de días de viño e rosas, pero axiña quedou claro que, ou ben cambiara o meu corpo, ou ben os tecidos perderan prestancia. Xa preto do desespero, deume por ir collendo pezas soltas –cada unha de seu pai– e funme sentindo cómodo e contento; e para cando me enfundei a chaqueta caqui da casa Iceberg xa sorría sen escoitar chiste ningún.

Entre un enredo e outro, cando demos chegado ó campo da festa, a misa xa comezara, e Pio, que debía ir adoecido, fíxome un regate irmandiño no vestíbulo e xa non lle volvín ver as guedellas. Así que, só e sen experiencia, andei aboiado polo atrio, matando o tempo na procura de famosos para despois contarlle a miña nai. Como vin tantos acabo antes dicindo a quen non vin. O Aymerich, a ese non o mirei. E todo me dá que debía estar, porque seica é un dos cantantes da orquestra.

Por tres veces intentei entrar na igrexa. Na primeira saín rebotado por un golpe de calor; na segunda, cadrou que viña en dirección contraria Ana Pontón, fiquei apampado e fóiseme o santo ó ceo; no terceiro intento, a miña entrada no recinto coincidiu cun berro atronador e repetido (algo parecido a “VE-TE-YA”, ou algo así), e asusteime porque pensei que o dicían por min. Recuei e deixeino xa por imposible.

4.52/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións