Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Balance dunha lexislatura

09:55 01/02/2009

(Cando espertamos, o dinosaurio xa non estaba)

O mellor que nos pasou nestes catro primeiros anos da era moderna foron os amores ó mais alto nivel dunha muller nacionalista cun home socialista. Amores tranquilos, que xa os corpos dos amantes estaban asentados, e dalgún xeito, tamén amores sen culpa, porque foi a nosa ansia de poder quen os forzou a cohabitar. Que non por vicio deles.

Ámbolos dous eran bos mozos e bos partidos un para o outro: El, garrido e con cartos e facenda; ela, ben feita e con donaire, e con cultura, moita cultura. ¿Pódese pedir máis? Tiñan tantos números na lotería do amor que o realmente asombroso sería que non lles tocara.

Porén –sempre hai un porén nesta vida-, a min ninguén me quita da cabeza que o mozo foi utilizado –se cadra, sen el sabelo-  por Ferraz na súa procura da alianza de civilizacións, porque non esquezamos que alén dunha fasquía humana común, entre socialistas montescos e nacionalistas capuletos corren sangues de cores diferentes e rézanse credos tan distintos coma de aquí a mañá. E para coller experiencia no asunto, pensaron en facer un primeiro experimento cos nacionalistas e socialistas galegos e mirar os resultados, para despois enfrontar o problema de palestinos e israelitas, serbios e bosnios, hutus e tutsis, culés e merengues, churras e merinas...etc.

O peor do caso –sempre ten que haber un “peor” nesta vida- é que a moza capuleta luxou o honor familiar e, chegado o momento, foi castigada por tal comportamento indigno e non a salvaron nin os choros nin as escusas de que fora por amor. A honra, mociña belida, está por riba do amor, dixéronlle. E a política tamén, ¡Faltaría máis!

3.89/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións