Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

O futuro xa está aquí

10:00 22/02/2009

Aguilloado pola imperiosa necesidade de superar ó inventor da MAV-75, levo xa moi adiantado o deseño do prototipo CDV-09, un calibrador dixital do voto democrático que penso suporá un avance fora do normal no perfeccionamento do sistema democrático.

A idea do invento collina da resignación dos seareiros que cando perdía o seu equipo exclamaban: Perdemos, si, pero ¡como xogamos, mimadriña!, e logo remateina cos simpatizantes que cando os seus partidos non acadaban os resultados electorais esperados, fungaban: Xa, pero e a calidade dos votos ¿que? E foi entón que me dixen: esta é a túa...Tes que armar un trebello que escanee os miolos do votante no intre de introducir a papeleta na furna e mande a fume de carozo os resultados do calibrado á Xunta Electoral Central.


A escala de calibrado outorgaralle o valor 1 a aquel voto suficientemente informado, responsable e sen mala intención, namentres reservará o valor 0 para aqueles emitidos pola Santa Compaña (Xa sabedes, eses que demos por mortos). Entremedias, todo un abano de ceros coma algo para aqueles que non acadan o summum democrático. Un supoñer: aluados, prexudicados, alpabardas, burras tordas, carrexados, agradecidos, etecé etecé.


Os beneficios que reportará o enxeño van dende a superación definitiva do vello axioma “un animal un voto”, ata a posibilidade de coñecer a roupa interior de cada voto emitido. Por fin poderemos saber se X votou a Y porque lle gusta, ou porque lle debe algo, ou por amolar a Z, ou porque non coñece a Z, ou porque o botou a sortes, ou porque un familiar llo pediu polo que mais queira, ou porque estaba borracho e bo foi por dar chegado, ou porque así é a vida....

4.3/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións