Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Por onde entra a calor, o frío tamén pode

11:34 29/03/2009

Como faría calquera bo vendedor, os apóstolos da globalización quentáronnos a orella cos beneficios que traería tal invento: mais mercados e mais amplos, asignación mais eficiente dos recursos, maiores taxas de crecemento, diminución do diferencial de renda entre países, arrefriamento do ánimo conflitivo,..etc. E como faría calquera bo vendedor, nin chío dixeron dos riscos: iso ía dentro da letra pequena do prospecto e non pagaba a pena perder tempo e vista nela.

O proceso de globalización requiría das economías nacionais unha apertura total, permitindo que persoas, bens e capitais circulasen ceibos e buscaran o sitio mais quente para os seus intereses. Algo así coma quitarlle portas e ventás á casa económica nacional e deixar que as correntes de ar fresco ventilaran as estancias. Esta nova situación colleunos ós hespañois acabaleando anos de crecemento, e rapidiño entraron bens, capitais e persoas a gozar da nosa bonanza, convertendo a ledicia de medrar na euforia de facelo máis que ninguén. ¡Bendita globalización!

E foi nese estado eufórico que nos esquecemos de algo lóxico e trivial: que por onde entra a calor tamén cabe a friaxe, e seguindo leis físicas elementais, canta mais diferencia de temperatura máis rápido será o trasfego e mais perniciosos os seus efectos. E cando se formou o furacán estadounidense, os seus feros ventos entraron por canto burato tiña a casa -xa non había portas nin ventás que se interpuxeran- e nós espidos, espantando as moscas do calmizo. ¡Maldita globalización!

Bendita, maldita, ¿en que quedamos? Nin unha cousa nin outra, senón unha boa idea baseada en principios económicos correctos que vai traer moitos máis beneficios que perdas. Pero aínda nos queda moito camiño a nivel global por recorrer: Armonización das regras de xogo, consensuación de medidas ante situacións críticas, aquelar os corpos económicos á intemperie da nova situación... Debemos aprender a vivir a nivel global e iso vainos custar tempo e algún que outro desgusto.

4.36/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións