Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Éxito e glamour na Consellaría de Economía e Industria

17:00 10/05/2009

Entre a realidade e mais eu case sempre hai un xornalista zangoneando polo medio. Neste caso trátase de Miguel Á. Rodríguez, de LVG; e a realidade transmitida, un tal don Javier Guerra, novo conselleiro de Economía e Industria.

Dime Miguel A.R. que o conselleiro fala alomenos catro idiomas: poden ser cinco, seis, vinte...non está segura a cousa. Os idiomas é o que teñen: resulta difícil contalos. Vostede cantos idiomas fala? Pois...déixeme pensar...agora mesmo non estou seguro, pero uns cantos si sei, alomenos catro...pero dígame eses catro tan sequera, ah si, pois un, dous, tres, catro...Vale, vale,  abonda xa, debeu cortar o xornalista.

Cóntame tamén que o economista Javier formouse en España e Estados Unidos. Home, queda moi aparente e glamuroso, pero un chisco xenérico, porque España é grande, ¡pero anda que Estados Unidos! E formouse ¿en que? ¿como economista? ¿como persoa? ¿como surfeiro? ¿ou simplemente foi medrando e colléndolle forma o corpo entre viaxe de ida e viaxe de volta?

Entre os méritos relevantes do conselleiro, M.A.R. destaca o de sanear as contas do Concello de Vigo, reducindo a débeda á metade. Método: viaxar a miúdo ós EEUU e levar consigo o orzamento enteiro para puntear partida por partida. Home, pode cadrar, e ademais entretense un nas cinco horas de avión, pero semella un método caro (a viaxe transatlántica está nos 2.000 euros). ¿En que aforrou tanto divino carto? Non o ides crer: en bolígrafos e fotocopias, fundamentalmente; logo, xa en menor medida, en centos de epígrafes (supoñemos que mais de 100 e menos de 1.000).

Pero o que mais me desacouga é o feito de ser Javier Guerra  un empresario de éxito capaz de localizar negocio onde o resto dos mortais vemos só problemas. ¡Ui! Non vaia ser o demo que meteramos o raposo dentro do galiñeiro. Un empresario de éxito éche unha cousa, e un conselleiro de Economía outra en principio distinta.

4.88/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións