Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A descuberta do punto G da economía

11:10 17/11/2008

Un día xa non sei cando soñei que facía a descuberta científica da miña vida. E fora por un casual, coma todos os grandes avances da ciencia. Estabamos o eminente filólogo Fernando Pío de Ana e mais eu baleirando unhas pintas no Currás –algo así coma o café Xixón no Madrid dos sesenta- e puxémonos a facer operacións alxébricas no aire: Pío escollía unha cifra ó chou, multiplicábaa por tres e dábame o resultado; logo eu collía o resultado, dividíao tamén por tres e comunicáballe o número resultante. Nun principio, e como era de lei, a cifra antes de facer a súa operación era a mesma que a resultante de facer a miña. Pois ben, co paso das cervexas a cousa púxose fea e xa o meu final non coincidía co seu principio. Ata que nalgún intre o vin claro, e exclamei : ¡A chave do raio, Pío! ¡Acabamos de dar co punto G da Teoría Económica!  O pobre Pío, apampado, só acertou a dicir ¡Se ti o dis...!

Xa sentados, e sobre un pano de papel e cun bolígrafo emprestado polo taberneiro, debuxeille dúas curvas enlazadas, unha coa barriga cara arriba e a outra con ela cara abaixo, e díxenlle que o que descubriramos era a ecuación que calculaba por adiantado os puntos vértice das parábolas, é dicir, alí onde as curvas cambian de sentido. Grazas a esta ecuación, querido Pío, imos poder anticipar os movementos do ciclo económico, tanto as crises coma as recuperacións. ¡ímonos encher de cartos...! venderemos un chisco antes da cima da costa e mercaremos un chisco antes do fondo da baixada. Pinta ben o asunto..., dixo Pío, pero imos a medias ¡eh! ¡Curri! ¡Anda, ponnos outros cacharros!

Logo, chegaron o Nóbel  -proposto por Jotximin, un comentarista de Vieiros que se fixo rico de golpe-, as conferencias en Cambridge e Massachussets e  os manuais de Economía, onde se lle adicaba todo un capítulo a Sucasas-Pío, descubridores do punto Gz do ciclo económico –o z engadírase por mor dunha subvención da Consellería de Industria- . Canta mais xente ía coñecendo o invento mais se achataban as curvas do ciclo e menos negocio faciamos nós e mais todos. Ata que chegou o día no que desapareceron de todo, convertidas nunha longa recta de pedra.

¡Boa fixemos, machiño! díxome daquela un Fernando Pío contrariado. Ó principio faciamos negocio calculando o Gz, pero agora temos que calculalo todos os días para non quedar co cu ó aire. ¿Viches xa o novo reloxo de Festina que da o Gz canda as horas? ¿Sabes meu?...¡Esto non che é vida! E eu que sempre devecín por unha economía planificada e sen sobresaltos...¡U-las curviñas aquelas do ciclo! Xa ó borde dunha golpe de angustia, vai Pio e exclama cara o teito do bar: ¡Pero por que nós, santo ceo!

-Porque somos parvos, sempre o fomos...¿acórdaste que ti eras de Beiras e eu daquel que primeiro non se adscribía e despois desapareceu? Xa daquela eramos parvos...¡Curri!, berrei polo taberneiro. ¡Anda, ponos outros cacharros, que non témolo día!

4.24/5 (42 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións