Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

De Alfonso X O Sabio a Zarrías I o Reparador

17:30 09/04/2010

Alfonso X reinou en Castela e León na segunda metade do século trece e pasou á historia coma o rei Sabio. Non me vou meter agora se o que sabía era ou non abondo para merecer tal alcume, pero o que si podemos dar por certo é que dominaba as dúas linguas que se falaban no seu imperio: o galego –no territorio do anexionado Reino Cristián de Galicia-, e o castelán –na meseta castelán e leonesa-. Á hora de plasmar en tinta os seus sabios pensamentos, o rei fixo unha escolla que determinou –para ben e para mal- o futuro dos dous idiomas: utilizou o castelán para os asuntos mundanos -xurídicos, técnicos, políticos...-, e reservou o galego para as mais fondas preocupacións da alma –poesía-.

Os motivos que o levaron a tal escolla descoñecémolos; mais sendo rei e sabio, puido ser que o fixera por unha cuestión práctica: o castelán imperaba na Corte e na meirande parte dos cortesáns, para quen en principio ían dirixidos o Lapidario, o Espéculo, o Libro dos Xogos, as Táboas Alfonsíes, as Sete Partidas ou o Foro Real. Así as cousas, o galego quedou para a vida diaria dos moradores do Cortello Galaico, ou para os da Corte naqueles intres de éxtase poético á sombra esquiva de calquera “encina” mesetaria.

Tiveron que pasar sete séculos e tivo que consolidarse a supremacía de Castela sobre as demais Españas, para que un andaluz de Xaén emendase o entorto daquel primeiro rei sabio. Gaspar Carlos Zarrías, que así se chama o aceiteiro emendador, oficiando de Secretario de Estado de Cooperación Territorial das actuais Cortes de Castela, utilizou o galego nunha carta oficial (.pdf) dirixida ó seu par no Cortello de Galicia, o señor Alfonso Rueda, a conto dunhas diferencias de estilo e concepto na Lei galega de Caixas de Aforros. ¡Por fin, a lingua galega elevada a lingua ministerial e coñecendo sobre asuntos xurídicos, técnicos, políticos! ¡Nada de Cantigas de Santa María que van para ningures!

Entón imaxinei unha festa rachada de tres días seguidos, con bombas de palenque e de sete estalos, foguetes de cores polas noites, gaiteiros tocando na cima dos montes, as orquestras enchendo os 5000 palcos mortos de risa, a Táboas bailando un agarrado co Puy, o Aymerich coa Bacón, o Leiceaga coa Currás, o Fariña e mailo Vázquez rouceando arredor de si...Todo o divino parlamento adornado de bandeiriñas e flores de papel, e o Gayoso poñendo música nunha máquina de letras e números. Tres días de ledicia desaforada, festexando a reparación da afronta mesetaria iniciada sen querer había setecentos anos polo rei Alfonso X O Sabio e continuada querendo polos demais reis, a meirande gloria dunha parte das Españas.

Pois nada, ó final e remate non houbo a festa que eu pensaba e Galiza merecía. Porque deuse a casualidade de que a día de hoxe, sete séculos despois daqueles días de Alfonso X, o rei do Cortello cadrou ser Alberto I, da familia YJ (coma Rajoy, Rey, Romay, Feijóo...etc), coñecida inimiga da utilidade do idioma galego para cuestións alén das regueifas de borrachos ou da comunicación coas vacas con nome de muller. Non lle gustou, ou mellor dito, viuno coma unha burla cara o pobo galego (non sabía que el era o pobo galego), un menosprezo, una provocación, e eu que sei cantas aldraxes mais. ¿Pero non quedamos en que tiñan o programa informático DESVAN que traducía do galego ó castelán de repente e sen darse conta?

¡Maldita mala sorte a nosa! Para unha vez que a auga podía correr cara o noso rego, vai e témolo atrancado.

4.97/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións