Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A miña cabeza non ten paradura

12:32 31/05/2010

Se as nosas vidas foran os ríos que van dar ó mar, sería de esperar que a estas alturas do percorrido fluvial xa as augas fosen mansas, e abondoso e firme o sedimento pousado no fondo. Non digo que o Jorge Manrique non levara razón, pero o que é no meu caso, as augas corren coma fuxidas dun tiro e non deixan que o pouso prenda no fondo e medre. Tampouco sería de estrañar que no país dos mil ríos,  e tendo todos que ir cara o mar, haxa porén moitas formas distintas de facelo.

Coma todos os da miña xeración -e xeracións anteriores e posteriores-, fun formado academicamente na ortodoxia keynesiana, comunguei coa boa nova do intervencionismo estatal na economía e supoño abracei con entusiasmo o Estado de Benestar, coma a cousa mais parecida ó ceo aquí na terra. ¡E quen non! Quen ía estar en contra dun Estado que paseniño ía converténdose nunha prolongación dos pais e garantíndonos así a todos unha estancia eterna na infancia. ¡Que mais se podía pedir! Os empresarios tiñan subvencións, os traballadores prestacións por desemprego, os políticos carteira abonda e todos a bendita Seguridade Social para curar as mancaduras. 

Cumpridos os corenta, cando o que se leva é ter as cousas claras e non andar con andrómenas, vai e dei coa escola austríaca de economía, e da man do profesor Huerta del Soto, fun entrando paseniño nos arcanos desa corrente heterodoxa do pensamento económico. E canto mais afondaba nela mais completa e certeira me parecía a súa visión do feito económico e do papel que o home xogaba nel. Teño que confesar que axiña me volvín austríaco perdido, ata o extremo de quentarlle a orella ás amizades coa nova descuberta e darlle a trécola nun xantar á mesmísima Torre Vixía de La Voz. Parecía coma se caera do cabalo e vira a luz verdadeira. Tal cal como volo conto, así era.

E nesas estaba a miña cabeciña cando nos caeu enriba a desfeita do 2008. Busquei na nova fe que profesaba as explicacións do por que chegaramos ata aquí; e atopeinas, nidias e contundentes. Tamén me preguntei o por que entre tanto xenio como debe haber ciscado polo mundo adiante –FMI, Bancos Centrais, Gobernos, The Economist, Standars & Poors...- ninguén dera o aviso da futura desgracia. Cheguei á conclusión que todos eles estaban na romaría, e resulta impopular erguerse no medio do balbordo de viño e rosas,  e pedir que pare a música e peche o bar. ¡Veña, oh! !Bebe, amigo; baila e divírtete, que un día é un día e un peso gastouse! 

Unha vez aclaradas as causas, mirei no catecismo austríaco na procura dalgunha menciña que amainara a dor das consecuencias e só dei cunha: Deixar que o propio sistema supure os axustes necesarios, que alomenos serán tan duros coma maduros foron os excesos. Porque se perderon de golpe inxentes cantidades de capital na economía que hai que repoñer, e só hai un xeito san de conseguilo: o aforro. Porque os remedios keynesianos o único que fan é prolongar a agonía do enfermo e malgastar recursos que moito precisan os sans. Vale, está ben, de acordo. Pero a xente, anegada nas sombras da incerteza, ponse a aforrar desesperadamente  e fai caer coa mesma forza as cifras de consumo, o cal leva a que os empresarios non renoven stocks e adíen investimentos ante a baixada das vendas. E se persiste, axustarán persoal ou rematarán pechando.

A miña dúbida intelectual é: ¿A inxección puntual de fondos públicos realmente retarda os reaxustes necesarios no sistema? ¿E canto cifra ese retardo? Como ningún goberno tivo a afouteza de non facer nada, non podo resolver o misterio. Claro que tamén, se cadra é mellor que eu siga no limbo da ignorancia antes ca ver os resultados do experimento.  ¡Ai, cabeciña, que non tes paradura!

4,32/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións