Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A vida é puro conto, maiormente

10:28 05/01/2010

Hai dúas sustancias que o ser humano consome durante toda a súa vida: o aire que respira e maila materia da que están feitos os contos. Zugamos leite a cántaros nos primeiros anos, viños e licores despois, e mais despois, auga morna con pílulas. De cativos papamos embutidos a montóns e chocolate a  moreas; pero despois pasámonos á carne natural e ó peixe fresco; e mais despois, ás verduras en crema e á miga do pan. Porén, o aire e mailos contos aliméntannos dende o berce ata o camposanto.

O vezo pola leria comeza cas nosas nais. Aínda grávidas, e sen estar seguras de seren escoitadas, cóntannos os seus pequenos medos e mailas súas grandes esperanzas, asemade refregan agarimosamente os seus bandullos inchados. E cando nos botan fóra de si, e aproveitando a brétema nos ollos, as moi coitadas envólvennos nunha anarquía de bicos e contiños. Despois, xa nós cos ollos abertos, veñen as caperuchiñas vermellas, os tres porquiños, o apalpador, os reis magos, o home do saco e mailo ratiño Pérez.

Mesturado cos anteriores, un bo día temos noticia do conto relixioso e tratámolo coma un mais da ringleira de contos que nos choven. As súas primeiras notas chégannos cedo, cando aínda non sabemos para que a temos. Pero pasan os anos e o conto vai ancheando: aparecen mais e mais personaxes, e mais e mais aventuras, e o conto segue. Aparecen novos contos e desaparecen outros, pero o conto relixioso segue aí, contado por un exército cada vez mais grande de profesionais do conto. Que deso viven, de contarnos o conto mais grande e mais traballado do que teñamos noticia.

Xa adultos, os contos seguen aí á nosa beira, alimentando a nosa alma, famenta eterna de trolas. Nesas fai aparición o conto da política. Grande conto tamén, pero mais pola súa transcendencia na vida diaria ca pola súa riqueza argumental. Case toda a xente vive dentro del, alomenos por algún tempo;  outra moita vive del, durante algún tempo ou para sempre.

¡Tantos contos hai nunha vida! Hainos que nos fan vivir, e hai outros que dariamos a vida por eles. Hainos tan fermosos que desexariamos fosen certos e non contos; e outros hai tan tristes que rezamos para que nunca deixen de selo. Temos contos para todo: para facer guerras, para pretender mancebas, para fusionar caixas, para sortear muíños de vento, ...

Hai contos de só unha liña, e outros dun millón de letras atuadas nas brañas de Escairón ou sobrevoando os chaos de Ébora.

4.56/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións