Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Memoria de dúas labazadas

11:00 29/04/2010

Nos cincuenta anos que levo cruzando vales, ríos e montañas, a miña memoria só ten constancia de dúas boas labazadas, e as dúas recibidas nos días de rapaz. Polo que se viu despois, deberon ser dadas a tempo e coa forza xusta, xa que non fixeron falta outras mais. Tamén puidera ser que sexa eu ben mandado e de aprender axiña.

A primeira delas deuma un labrego de poucas palabras que viña sendo meu pai. Tería daquelas eu sete ou oito anos e dera co niño dos cartos de meu pai na súa mesiña de noite. Levaba xa un tempo colléndolle pesos de Franco para cambiar por galletas na taberna de David, unhas recheas de vainilla e cunha estampiña dun futbolista en cada paquete. Un día, cando toda a familia xantaba arredor da cociña económica, mandoume saír fóra e seguilo ata a palleira nova, alí onde tiñamos a moa de afiar. Preguntoume se eu lle andaba a coller cartos do caixón. Eu baixei a cabeza e díxenlle que si. Zoscoume unha labazada e díxome que non o volvera facer. "E agora imos acabar de xantar", engadiu. Non lembro que botara a chorar nin a sensación de dor; pero si me vén á memoria unha chea de rabia por ser descuberto e medo a que toda a aldea sentira o estalo.

Tres anos despois, cursando interno o segundo ano de bachiller no Seminario Diocesano de Lugo, caeume a segunda. A man executora pertencía a un crego de recente fornada apelidado Jacobo (foi unha labazada jacobina), natural das terras de Santa Comba (Agolada) e que exercía de Superior do noso curso. O caso veu porque nós pediramos nos deixaran ver na televisión o Festival de Eurovisión, e como a nosa petición foi desatendida (non sei se por el ou por instancias aínda mais superiores), puxémonos a armar bulla á hora de deitarnos, xa coas luces do dormitorio comunitario apagadas. Non lembro con exactitude os termos da bulla, pero supoño serían os propios de oitenta rapaces de dez e once anos, durmindo en ringleiras de camas separadas por unha mesiña de noite, ó abeiro das mantas e da escuridade. O caso foi que os compañeiros déronse conta da chegada do Superior Jacobo e foron calando un tras outro. Eu non o vin vir. Só sentín o estalo nas meixelas. Cando me fun lavar á mañá seguinte, vin no espello marcadas as rodeiras da súa man na miña cara; e na cara dos compañeiros unha mestura de admiración, compaixón e desta librei.

Cóntovos todo esto en confianza, porque sei que os vieiristas -non confundir con beiristas, que son os que están na beira- non sodes xente de ir papelexando o que aquí se comenta. Xa sei que podía falar do Estatuto ou da interpretación tan particular que o señor Louzán fai da Lei de Dependencia, ¡pero dáme tanta nugalla falar de política!. O que vos contei veu a santo de que esta fin de semana estiven nun tris de darlle unha boa labazada ó meu cativo, que ven de facer os oito, os mesmos que eu tiña cando meu pai me quentou a orella. E tamén porque me consta que mais dunha profesora de educación artística (sección música) lle ten ganas, pero cóutase porque agora está prohibido zoscar. Eu, que son moito de conservar as tradicións, sei que un día heille poñer a man enriba, e só espero que sexa a tempo e coa forza xusta. E que co paso dos días el me queira, respecte e admire a metade do que eu quero, respecto e admiro ó seu avó. Con eso xa me daría por satisfeito. Tampouco pido moito, ou? ¡Ah!, e que ninguén me denuncie, claro. E xa postos a pedir, que a súa nai non me vexa facelo, porque ela é mais ben das de falar, e falar, e seguir falando.

4.92/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións