Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A historia sen fin de Santiago de Zebedeo

10:15 02/09/2008

Aló polo ano cero, aló lonxe na diáspora, onde Galicia recibía o nome de Galilea, naceu de Zebedeo e Salomé o noso apóstolo Santiago. De espírito inquedo axiña se arrimou a unha banda revolucionaria que loitaba contra o poder establecido. Apresado e executado o xefe da banda, Santiago continuou aireando as proclamas prohibidas e así foi que, un mal día día, acabou coa cabeza separada do corpo nunha chousa a medio camiño entre as casas estremeiras de Xerusalén e mailo monte Calvario.

Non se sabe cantos despois, uns familiares desenterraron o cadáver de Santiago e embarcárono nunha gamela de pedra en dirección á Terra Nai e Señora, para que os seus osos descansaran á fin en paz. Navegaron os mares mediterráneos, cruzaron en silencio o estreito de Xibraltar e viraron no atlántico cara arriba, sempre guiados polo son estridente dunha gaita de fol mal tocada. Cando estaban fronte á entrada da ría da Arousa, escoitaron o tiruliru terra dentro e decidiron remontar a ría e, como as notas eran cada vez mais altas e nidias, subiron tamén o río Ulla ata que encallaron nunha areeira, xa preto de Padrón. Esgotados pola viaxe, e constatando que xa pisaban terra santa e propia, os navegantes deron por bo o sitio e soterraron os restos de Santiago nalgún toco dos montes de por alí.

Ó bo de Santiago o descanso eterno duroulle o que tardou en dar co el un furtivo ribeirao, que lle andaba armando garamelos ó teixo, e contarlle a descuberta ó bispo Teodomiro de Iria Flavia. De aí en diante, agás folgar, o que queiras meu rei. Ramiro I montouno nun cabalo branco, armouno de espada afiada e levouno a matar mouros; Compostela púxolle no centro do pobo unha catedral para recibir consultas e apertas, e rematou por xuntar para sempre o seu nome ó do apóstolo; os Reis Católicos mandárono ás indias a matar indios; España nomeouno patrón maior e Galicia, a súa esquina noroeste, consagroulle o seu Día Nacional; Pérez Varela, o pequeno, anunciouno urbi et orbe con grave dispendio de música e foguetes. ¡E o que aínda lle queda por roular!

¡Pobre Santiago de Zebedeo, verse despois de morto convertido en pendón do poder establecido! El, que en vida non fixera outra cousa que loitar na súa contra.

Din que o xudeu que o delatou a Herodes Agripa I rematou por arrepentirse e foi decapitado. E tamén se conta que o cazador furtivo de teixos acabou os seus días co pescozo colgado da pola dun carballo, no camiño que vai e ven entre Padrón e Dodro.

4.35/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións