Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Galegos na corte do Rei Carolo

18:40 29/04/2008

Ó resto de España caémoslle ben, ou cando menos non lle caemos mal. Incluso toleran que sexamos unha miguiña nacionalistas. E todo porque somos pobres. E a pobreza, a non ser que sexa estrema, tende a facerse invisible. Pobres fómolo sempre e, do que é mal, seguirémolo sendo a non ser que atopemos unha bolsa de petróleo nunha desas escavacións do AVE. E, ben mirado, tampouco estaría nada mal dar con algo máis ca castros, mámoas e trisqueles cada vez que furamos a terra nai.

Somos pobres, digo. O noso PIB non chega ó 5% da cifra estatal, e por aí anda tamén a porcentaxe que representa a nosa poboación. A data de hoxe, a nosa renda per cápita só supera á dos andaluces, estremeños e casteláns-manchegos; pero eles levan trinta anos cos accesos rematados e, no caso andaluz, con AVE incluído. Somos pobres, e por riba poucos. Se foramos moitos, aínda sendo mais pobres, teriamos máis peso político xa que as papeletas democráticas pesan igual sexa cal sexa o peto do que as depositou.

Somos pobres, insisto. E sen embargo, temos tres ministros no novo goberno estatal –o que representa unha cota do 18% do Consello de Ministros-, temos a José Blanco –creador e señor de todas as cousas socialistas, entre elas o presidente Zapatero-, temos a Rajoy Brey –xefe da outra metade de España-, temos a monseñor Rouco Varela –xefe de todos os católicos españois, é dicir, de case todos nós- e, ¡recoiro! aínda temos a don Manuel aboiado polo Senado, que por certo preside tamén unha galega. Mirado así, ¿a que non parece que sexamos tan pobres e tan poucos?

Porén sómolo e seguirémolo sendo. Porque unha cousa é ser dun sitio e outra moi distinta exercer de tal. Unha cousa é ser cristián porque alguén che meteu de pequecho a cabeza na pía sacra, e outra moi distinta ir á misa e gardar os preceptos. José Blanco, Isabel Espinosa, Cesar Molina, Elena Salgado, Rajoy Brey, Rouco Varela, Manuel Fraga, Abel Caballero, Carmela Silva, incluso o futuro Papa, son galegos “¡que duda cabe!”, que diría o mítico Arsenio de Arteixo. Pero só porque o azar quixo que viran as primeiras luces do mundo nalgún recuncho de Galicia. Pero punto, aí para de contar. Porque Galicia non representa unha prioridade nas súas vidas mais aló dun sitio onde pasar unha tempada de sol, marisco e lecer, un lugar tranquilo onde sobrelevar os achaques da xubilación ou, ó fin, o nicho familiar onde ser soterrado despois dunha vida ó servicio do basto imperio.

É por eso que cando a nova Presidenta do Senado confesa que o seu nomeamento “é bo para Vigo e para Galicia”, un pregúntase: ¿e por que diaños ten que ser bo? ¿Porque vostede o di, así sen mais? ¡Canta fachenda e afouteza!, señora Carmela Silva. Primeiro demóstreo, e logo falamos. Porque tamén o comandante Cerillita era galego e non fixo nada por Galicia en corenta anos. E no só eso, que tivemos que mercarlle o Pazo de Meirás porque senón nin nos viña ver, o moi trangallas.

4.55/5 (51 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións