Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Vivindo na contradición

09:45 15/07/2009

A contradición vital está sempre no eixe do debate entre o que dis e o que fas, entre o que desexas e o que practicas e, por suposto, entre o que anhelas e o que demostras. É pois un estado de ánimo no que para conseguir un fin tes que pregarte en ocasións a situacións nas que non só non crees, senón contra as que estás disposto a combater.

Xa metidos no verán galego non estou nin para facer textos “sisudos” ni para pretender que o lector desta columna faga esforzos para saber a onde quere chegar o columnista. Digamos que as “musas” para escribir a columna desta semana chegáronme coa lectura un tanto “frikie” da encíclica de Bieito XVI “Caritas in veritate”, na que o máximo representante dos católicos no mundo, expón o seu pensamento irrefutable sobre a situación do mundo, – lembremos que a opinión do papa é canonicamente infalible - os criterios orientadores da acción moral, os criterios económicos nun mundo globalizado e o “amor” dende a caridade, dando leccións aos demais do que debe ser o correcto, mentres o Estado vaticano representa todo o contrario da modernidade, da ética –non confundir con moral- nas relacións económicas, e na xestión da escura banca vaticana, e por suposto en todo o referente á igualdade da muller con respecto ao varón, dende tempos inmemoriais. Dobre moral absoluta que é un reflexo do cotián no que a nosa sociedade vive permanentemente e exemplos para este caso temos unha morea deles que así o demostran.

Por exemplo, e sen ir máis lonxe, é unha profunda contradición ser o partido que os galegos designan para gobernar Galicia, e ter devaneos con políticas que poñen en perigo os sinais de identidade dela, como sucede no caso da lingua. Ou tamén é contradición criticar a ERC polo seu éxito para Cataluña nos termos do financiamento autonómico, e despois buscar o apoio do BNG na percura da acción de unidade fronte a racanería do “pai Estado” maltratando aos seus fillos pobres e promocionando aos ricos, nun exercicio de socialismo un tanto curioso. Os galegos temos tendencia a baixar a cabeza mentres outros pobos se senten diferentes cando soan as trompetas, debido á longa noite de pedra que foi o franquismo e que fixo que a memoria colectiva deste pobo teña no seu subconsciente que todos aqueles con potencial para ameazar a orden social, quérenlles converter en vítimas, mais o galego do século XXI xa non cala, e protesta con enerxía cando o centralismo xacobino pretende impor todo aquelo que este pobo non pode admitir. Que dicir de formacións políticas capaces de defenestrar a xentes da capacidade de Anxo Quintana sen pudor pola súa busca de abrir o abano ideolóxico da súa formación, mentres os puristas amosan estar agora perdidos. Non é en si mesma unha profunda contradición que o 24% dos galegos se consideren nacionalistas e a única forza desa tendencia non chegue ao 17% de apoio social?, non será que algo non se está facendo ben?, a quen apoia o resto do votante nacionalista?.

Non é curioso que os máis prestixiosos columnistas do país escreban na lingua de Cervantes as súas opinións en xornais de capital galego, a pesares de ser en moitos casos xentes comprometidas coa nosa cultura?. E que dicir de aqueles que subscriben pactos antitransfuguismo, e despois aceptan mirando cara a outro lado casos como o de Gondomar. Ademais dunha evidente contradición, tamén contraría que nunha terra tan fermosa como a galega non a protexamos fronte á destrución dos nosos montes en moitos casos arrasados polos parques eólicos ou algunhas minicentrais de efecto ecolóxico devastador, ou casos verdadeiramente sangrantes na propia rede natura non denunciados. E para rematar, como non, falar da contradición na que vivimos algúns que intentamos aportar con moita modestia ao fortalecemento da nosa cultura, mentres por un lado somos considerados como pequenos Mefistos e garavanzos mouros polos teus, e “parvos útiles” polos outros...

Ou non?


Uns apuntamentos:

-Levei unha alegría ao ver “en forma” a Anxo Quintana no Xornal de Galicia, o pasado domingo.

-O pronunciamento galeguista de Xosé Manuel Barreiro faime ter esperanzas nalgunhas persoas que teñen que mollarse moito máis do que o fan.

-Ilusiona participar no berce dun gran proxecto para a nosa terra como vai ser Prolingua.

4.63/5 (105 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións