Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Notas de campaña (I)

09:30 18/02/2009

“Encantado de coñecerte/ agardo que saibas o meu nome / mais o que te desconcerta/ é a natureza do meu xogo”

(The Rolling Stones, Sympathy for the devil)

Estes días de campaña electoral, intento estar informado das propostas dos diferentes partidos e das distintas sensibilidades político-sociais existentes no País. Non é unha tarefa especialmente ardua, xa que por tódolos recunchos temos algunha información sobre as propostas dos nosos candidatos ao “trono” de Raxoi (visto o visto, non confundir con Rajoy).

Propúxenme aceptar, dende o agradecemento, a asistencia a actos das diferentes forzas, para poder valorar un pouco como está o “patio político” nesta campaña. Tiven a oportunidade de estar nun mitin de Quintana, no que obsevei o voceiro nacional do BNG en forma, con propostas claras e unha evidente búsqueda do voto galeguista moderado, que faga medrar o seu nivel de representación parlamentaria, e polo tanto de poder, na próxima Xunta bipartita, se así o queren os galegos (e tamén as galegas, que diría a espléndida Carme Adán). Non me molesta recoñecer –mais ben todo o contrario- que teño un bo “feeling” persoal co candidato frentista como aprecio nas diferentes situacións que por diferentes motivos coincidimos.

O PSdeG tivo a ben convidarme a un acto co conselleiro de eEconomía Fernández Antonio, no que, o que para min é un dos mellores conselleiros da recén rematada lexislatura, debullou o contido das propostas económicas dos socialistas coa valentía suficiente para recoñeceren que esta brutal crise, deixa pouca marxe de manobra para tomar medidas ao goberno galego, ante unha situación de freo económico globalizado.

Despois de participar ó longo dos meus 37 anos nunha morea de campañas electorais, cheguei á convicción persoal da súa  inutilidade manifesta, do seu custe económico desproporcionado, e coa práctica seguridade de que en condicións normais, a xente ten decidido nun altísimo porcentaxe o seu voto xa o primeiro día de campaña, e a marxinalidade cuantitativa dos que poden variar a súa decisión á hora de depositar a papeleta na urna. Nunca entendín as campañas electorais basadas no insulto gratuito e na confrontación persoal, nin a utilización que fan determinados medios de comunicación, de diferente signo, contra formacións políticas por oscuros e bastardos intereses. Os galegos aspiramos a que a utilización dos nosos cartos nas campañas, sirva para propostas en positivo que fagan valorar cal é o proxecto que queremos para Galicia/Galiza, cal é o candidato que valoramos como máis axeitado para liderar a nosa terra polas súas propostas, e non polo nivel dos insultos dirixidos ao líder contrario. Debo recoñecer que ás veces é complicado contribuír co exemplo. Por dúas veces tiven que atopar “informadores” de UPyD, que ante a lectura dos seus panfletos e a conversa con eles cando me contaban que eran un partido de “centro transversal”, e o recoñecemento de Galicia como nación ¿?, -sí, sí, como lles conto-, entráronme por unha vez na miña vida, dúbidas sobre as miñas conviccións democráticas, ante uns individuos, algún deles pertencente á nobreza española, que en plena Feira do Cocido falábanme de Galicia nuns termos, que daba a sensación de que viñan dalgunha galaxia paralela polo seu discurso político de psiquiátrico…xunto co porque do seu apoio a algo para min tan obsceno, como son as teses de Galicia Bilingüe.

E non me sinto nesta campaña especialmente motivado polo que vexo, mais a un non lle queda outro remedio, que armarse de paciencia, e valorar dende a máxima obxectividade posible, o que ofrecen uns e os outros.

Ou non…?

4.44/5 (61 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións