Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Teimas Estatutarias

12:00 23/04/2010

Se detrás de falsas vontades, temos discursos baleiros, xa está feita a perfecta combinación explosiva para que o trinitrotolueno estatutario estoure, e os seus anacos espallados por toda a sociedade, vicien posibilidades reformadoras de realidades necesitadas de escapar da involución á que algúns queren condenar a nosa terra.

Asistía  como espectador a un dos primeiros debates sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia desta lexislatura, convidado pola asociación estudiantil Foro Alumnos de Dereito, no que as tres forzas do abano parlamentario expoñían os seus posicionamentos, dende a boa vontade, mais deixando caer ante a universitaria audiencia, que non será doado conseguir aquelo que no fondo non queremos.

Tanto Pedro Puy (“viño quente” fronte a “auga fría” como o definiu o gran Manuel Rivas), como Lage Tuñas, e unha referencia inesquecible para calquera debate estatutario como é Camilo Nogueira, son tres das personalidades esenciais, pola súa moderación, espírito galeguista e coñecemento, que teñen que xogar un papel fundamental nun futuro próximo, no que se poidan achegar posturas co único fin de lograr o consenso necesario na reforma.

Dá a sensación que o gran problema entre as partes, é o recoñecemento de Galicia como nación. Non entendo determinados complexos a asumir dende o orgullo de galego que, sen ningún xénero de dúbidas, Galicia e o seu feito diferencial, reúnen tódolos requisitos esenciais para que un ente territorial poida ser considerado nación, concepto que comparto sen feblezas retóricas, dentro do Estado plurinacional coñecido polo termo España, debates constitucionais e cuestionamentos tabernarios místicos á marxe.

Nun momento en que dende sectores perigosos asentados en Madrid, se empeza a falar da fin do Estado das Autonomías, como unha das grandes solucións para rematar coa fonda crise económica que padecemos, mentres os negacionistas identitarios están en pleno rearme de posicións contrarias á reforma constitucional ao mesmo tempo que avogan polo modelo xacobino-centralista francés, chegou o momento de que os nosos políticos e forzas sociais de distinto signo lideren unha reforma necesaria, sen ter que agardar á segunda parte da lexislatura, como pretende o Partido Popular, non porque non sexa unha postura lexítima –que o é-, senón porque as negociacións estarían viciadas pola proximidade dunha nova cita electoral galega, que non deixaría abertas posibilidades negociadoras  que as ansias de poder poderían pechar. Nun País no que se xestionan 11.000 millóns de euros, non podemos estar agardando por unha sentenza dun tribunal, tan desprestixiado como o Constitucional, para tomar como referencia un Estatuto catalán, que non ten porque ser necesariamente o faro de guía para o galego.

Galiza precisa achegarse ao seu teito competencial, mellorando o noso nivel de autogoberno, cunha norma na que queden reflectidas cuestións da importancia dun Instituto galego de crédito, unha axencia tributaria propia, ou mesmo o mecanismo de incorporación da nosa terra ás institucións europeas. Cun sistema perfectamente definido, probablemente non estaríamos tendo o debate sobre a fusión das caixas, nin teríamos problema en temas sanitarios en ter unha segunda opinión médica, por estar recollido ese dereito estatutariamente, ou algo tan básico para o funcionamento dunha administración como a posibilidade de facer decretos lei, que o actual Estatuto do ano 1981 non recolle.

Non se pode confeccionar unha reforma estatutaria á marxe dos nacionalistas, porque sería unha eiva de futuro mortal para esta sociedade; e compartindo co profesor Puy a necesidade dunha normativa lexislativa estatutaria "para todos", debemos partir dunha idea común principal, de que Galicia, pola súa Historia e polas súas características como pobo, non é Murcia...

Se algúns corazóns asfixiados non entenden que dentro de Europa as únicas fronteiras que existen son as naturais, teñen que saber que non podemos pretender poñelas no Padornelo. E como ás veces é necesario ter outras perspectivas para ver as cousas claras, consultemos a opinión non só daqueles representados no Parlamento, senón de outras forzas sociais, sindicatos e partidos políticos como Converxencia século XXI, que traballan en formular as súas propostas coa mesma lexitimidade que os que están na Casona do Horreo.

Por eso busquemos consensos para a Galicia do futuro, dende posicións lóxicas que deixen sen armas negacionistas aos amantes da hermenéutica mal entendida, para que ese sentimento "neogaleguista" que está a agromar no país dos mil ríos, tome as rendas desta sociedade dunha vez.

Ou non?

4.6/5 (68 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións