Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Polo ben do administrado?

09:50 27/05/2009

Pretores no 'imperium', gobernadores civís no franquismo, delegados do goberno na democracia, subdelegados, “superdelegados” provinciais, etc, etc, e todo polo ben do administrado...

Supoño que teremos que analizar dalgunha maneira o por que perante a nosa Historia todos estes nomes chegan a ter dalgún xeito unha relevancia nas nosas vidas; todos eles co digno obxectivo de facilitar a vida do cidadán e, ao mesmo tempo nalgúns casos poñer figuras “floreiro” meramente representativas, cando nalgúns casos teñen complicado representarse ata a si mesmos.

O certo é que a nova figura dos “superdelegados” sí vai ter unha forte presenza na sociedade galega. Xa advertín nun artigo anterior sobre o maior perfil político dos designados, por riba incluso do que puideran ter os propios conselleiros, e por unha vez e sen que sirva de precedente, penso que así foi. Teimaba sobre esta cuestión, nun magnífico artigo nesta casa de Alba Nogueira, incidindo nunha realidade tanxible que amosa a reducción de consellerías máis como un escaparate de austeridade,  cara ao elector,  que como unha certeza, aducindo un aumento cuantitativo dos administradores cos superdelegados e os seus equipos.

A min persoalmente paréceme ben todo aquel mecanismo que elimine burocracia, que permita unha maior facilidade á hora de acceder aos servicios da administración, desligados de intereses políticos, e de tentacións de control por parte dos administradores sobre os administrados. A oposición no Parlamento galego xa fala en termos de “comisarios políticos” cara estas novas figuras; penso que o xusto é darlle un tempo para desenvolverse e observar se camiñan polos vieiros do servicio ao cidadán, ou ben polos das tentacións caciquís. Eu agardo que sexa polos primeiros polo ben de todos, aínda que cónstame que moito lector de VIEIROS está convencido que van a ir polos outros...

Na sociedade galega, debido aos sempre lamentables localismos, é especialmente complicado un reaxuste deste tipo. A figura do superdelegado vigués xa xerou controversia entre os responsables políticos de Vigo e Pontevedra, seguramente máis preocupados da influencia que poida ter nas súas guerras políticas particulares, que na funcionalidade da medida. Unha gran cidade como é a “olívica”, ten todo o dereito a ter acceso a consellerías que pola súas características teñen unha gran actividade na zona, e a súa presencia fai posible que se xestionen asuntos sen ter que se desprazar a Compostela, mais o mesmo poderían dicir os ferroláns, ou mesmo os lalinenses con respecto a Medio Rural, ou os de Burela con Pesca, ou... é complicado contentar a todos, polo que o goberno terá que medir ben como quere facelo para que o que pretende ser positivo, non remate sendo un problema máis. Lembran vostedes cando Touriño pretendía situar a consellería de pesca en Vigo?, a presión foi insoportable, e a idea rematou nalgún caixón, demostrándose unha vez máis que o lóxico non sempre é o que a algúns interésalle.

Un interesante estudio encargado polo Concello de Lalín á Universidade de Compostela fala das ventaxas da “fusión de Concellos” como arma potencial das pequenas administracións para poder acceder a maiores servicios aos que estando separados non poden, unindo concellos de poboación moi reducida en figuras administrativas maiores que sí o permitan, e que é digno de ter en conta, pois a ridícula existencia dalgunhas administracións locais, polo reducido número de veciños que teñen, fai que os problemas sexan máis problemas e as posibles solucións sexan menos posibles solucións.

Ou non?

4.51/5 (57 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións