Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

A cuarta forza, ou arre ou xo

10:10 29/10/2009

Lembrarán algúns de vostedes o primeiro artigo que escribín por estes vieiros co título “galeguismo de salón”, no que tiña o atrevemento de criticar fortemente a forzas autodenominadas galeguistas, por considerar que nalgúns casos o seu predicamento  político distaba moito da esencia que partidos históricos como o Partido Galeguista tiña no seu berce. Pasado algún tempo, considero necesario reflexionar de novo sobre a situación destas formacións e as súas posibilidades no futuro inmediato da política galega.

É necesaria realmente unha cuarta forza no país? Na miña opinión é necesaria sempre e cando o seu obxectivo sexa liderar esta terra por convencemento e compromiso con ela, e non con espírito de marxinalidade e subsidiariedade con respecto ás demais forzas do ámbito parlamentario, xa consolidadas, e pouco receptivas a novas aventuras que potencialmente poidan restar os seus apoios entre a cidadanía. Tres opcións vexo nestes momentos con capacidade para liderar esa illa do desconsolo que é o centro dereita galeguista nos últimos anos; Terra Galega, o Partido Galeguista/Coalición Galega, e Converxencia XXI –póñannos vostedes na orde que prefiran-. Parten todos eles do dereito a proclamar o que o home precisa, que diría Celso Emilio Ferreiro, cada un coas súas características para mellor xestionar os intereses do conxunto da Galeguidade, como fórmula eficaz de que os cidadáns galegos e os seus descendentes sexan donos do seu destino, como reza a proposta para o novo e necesario Estatuto do Partido Galeguista.

O problema vén cando se transmite á sociedade que ademais da cuarta forza, outros queren ser a quinta, e non a sexta, etc… semellando como dicía fai uns días, a mítica discusión dos Monty Pyhton dando imaxe de que os intereses persoais, os egos mal enfocados, e as ambicións políticas mal medidas conducen ao fracaso reiterado destes proxectos, e polo tanto á frustración e ao desencanto dos que non se senten representados polas forzas do abano parlamentario. O votante potencial galeguista de centro dereita, orfo de representatividade, debe saber cal é o modelo de financiamento que propoñen para Galicia, as súas apostas polo novo Estatuto que non deben deixar esta terra en posición de inferioridade co resto dos pobos do Estado español, a súa opinión sobre o modelo de monarquía parlamentaria, a aposta polo federalismo, o confederalismo ou o modelo autonómico recollido na Constitución de 1978; e como non, un pronunciamento sen ambaxes sobre o dereito de autodeterminación ou a submisión á Carta Magna do Estado.

Debates existen ao respecto, nos ateneos galeguistas sementados polos recantos de Galicia. Tanto o Partido Galeguista/Coalición Galega xa practicamente fusionados, como a nova e moza aposta da Converxencia XXI, van nesta ocasión en serio. Necesitan ofrecer á sociedade novos rostros e  propostas frescas  que os afasten de erros de candidatos autoproclamados galeguistas facendo campaña en castelán como foi o caso da Coruña, mentres apostan polo maldito “L” como topónimo cooficial, ou persoas que se sumen dende o descontento cos seus anteriores partidos, non por cuestións ideolóxicas, senón por non poder acceder a postos de poder que foron outorgados a outros, ao mellor subxectivamente con menos méritos para isto.

Quizais agora si esperte o galeguismo de centro dereita adurmiñado polo somnífero do poder dos partidos centralistas, cuxas maquinarias esnaquizan o berce da ilusión dalgúns que conciben este país dende a liberdade e o compromiso, dispostos ao enfrontamento cos poderes fácticos que non perdoan habitualmente a aventureiros idealistas que alteren o seu estatus. Pero tras desexarlle o mellor a estas forzas, lémbrolles o axioma de Castelao cando afirmaba que o galeguismo, é algo máis que un partido político.

Ou non?


Uns apuntamentos:

-As miñas felicitacións a Xerardo Fernández Albor pola concesión do premio “Gallego del Año” do grupo El Correo Gallego. Se alguén o merece e el.

-Sentín orgullo de acompañar a máis de 60.000 galegos na defensa do seu idioma e da súa cultura por riba de intereses partidarios e diferenzas ideolóxicas. O 18 de outubro será sempre un día para o orgullo desta terra, fronte aos nostálxicos do 18 de Xullo –penso que vostedes xa me entenden.

-Amagar con retirarlle 200 euros a 50.000 pensionistas non foi a medida máis intelixente deste goberno precisamente.

-O meu vello coñecido Carlos Luis Rodríguez cometeu unha indignidade coa súa entrevista a Carlos Callón. E dóeme dicilo polo aprezo que lle teño de vello, o que reafirma a miña convicción sobre o errado da súa actitude.

    

4.83/5 (126 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións