Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

A cacharela das vaidades

13:45 01/11/2008

“Non vou a deixar de falarlle só porque non me escoite. Gústame escoitarme a min mesmo. É un dos maiores praceres da vida. Acotío manteño longas conversas comigo mesmo, e son tan intelixente que ás veces non entendo nin unha verba do que falo”.
Oscar Wilde

…E así é, temos os políticos do noso País máis interesados en contemplar o seu propio embigo, nas súas liortas persoais, e nas súas frustracións existenciais, que na representación e defensa dos intereses de aqueles que os elixiron. É dicir, de todos e cada un dos galegos.

Estes xa outonais días, contemplamos un auténtico espectáculo da nosa clase política. A oposición acusando o goberno de desbalde en tempos de crise, e os do bipartito utilizando a táctica do “e ti máis…” Realmente é esta a clase política que merecemos? Eu sinto vergoña allea ante episodios como os protagonizados polos deputados Bieito Lobeira e López Chaves nunha comisión parlamentaria polo termo “Galiza”, que me fan lembrar liortas de recreo de ensino. Pensan as súas señorías que é transcendente, nestes momentos tan economicamente complicados, que vostedes teñan liortas polo termo utilizado para referirse á nosa terra? Que problema pode supoñer ao común dos galegos a aceptación do termo “Galiza” nunha comisión? Vai a baixar o PIB, aumentar o paro, ou aminorar os expedientes reguladores de emprego por isto? Un pouco de seriedade. De verdade nunha sociedade seria pode pensar alguén que en Galicia/Galiza o castelán está seriamente ameazado?. Vexan o bombardeo sistemático de medios audiovisuais, escritos e de todo tipo na lingua de Cervantes. En contraposición os poucos que temos en galego. Todo fai que sexa un debate de ínfimo nivel intelectual, ante a evidencia de que se unha lingua se ten que protexer en Galicia, esta teña que ser precisamente, e por desgraza, o galego. Alguén pensa que un só pai non quere que o seu fillo teña un perfecto coñecemento do castelán, do galego, e dalgunha lingua estranxeira? Danse conta, señores habitantes da Casona do Hórreo, de que se aproban iniciativas que instan a continuar impulsando a plena normalización do galego, e non do castelán porque este xa está máis que normalizado? A qué xogamos? Estase a rir a clase política dos seus representados?

Episodios como o destes días cos vehículos oficiais do presidente da Xunta, -¿de verdade necesita señor Touriño tantos e tan caros?-, dos cartos públicos gastados na ampliación do seu despacho e oficinas anexas, a ridícula e esperpéntica acusación sobre a neveira de Quintana, e tantas máis, mentres a finada politicamente Ánxela Bugallo percorre o Malecón da Habana, entre “mojito y mojito” sen pudor ningún.

Prioridades
E mais eu pregúntome: Non será mellor gastar o tempo en artellar posibles solucións para o paro en Galicia? Existe algún plan alternativo ante a posibilidade dunha crise na factoría de Citroen en Vigo e a súa repercusión na súa área metropolitana? Como se pode crear emprego con previsións de crecemento do 1%? Para cando o remate do AVE galego? E un plan de estradas funcional da consellería da nosa Sarah Palin galaica, Maria Xosé Caride? Que futuro ten o campo galego e os nosos gandeiros? E o tecido industrial ante a falla de financiamento por parte da banca? É xusto este capitalismo de privatización dos beneficios e socialización das perdas? Cara onde irán os beneficios do concurso eólico galego aos concellos tan afectados polo finanzamento económico, ou a plans de pensións de xubilados nipóns? É necesario para reactivar a economía do País que as nosas caixas se fusionen? Que foi daquela constante reclamación en tempos do fraguismo/aznarismo da chamada débeda histórica? Non é de feito prioritario un novo Estatuto que poña os alicerces para poñérmonos, algún día, en pé de igualdade cos pobos máis desenvolvidos de España e Europa?

Os tempos son chegados para que os nosos políticos miren cara Galiza e os galegos, e deixen de estar en permanente tensión ante o “Nero me impune lacessit” –que ninguén me fira impunemente- no que viven, rematen coa “disociación cognitiva política” que evidentemente teñen, e cumpran co “contrato social” firmado cos galegos nas urnas.

Vaia material tería en Galicia Tom Wolfe para unha continuación da súa famosa novela!

Ou non…?

PD: unha de adiviñanzas

A que pacto chegaron hai quince días na capital do Estado, un amoral director de xornal, un alcalde conservador con fama de progresista, e un ex presidente do goberno rancoroso…?

    

4.16/5 (80 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións