Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Malos tempos para a lírica

10:50 22/04/2009

Observaba estes días dende A Mariña lucense os actos da investidura do novo Presidente da Xunta cunha certa distancia, e no só xeográfica. Os resultados do pasado 1 de Marzo concretábanse no nomeamento dun home que sempre me deu a sensación de coherente e rigoroso, a pesares de non compartir algúns dos seus postulados políticos, no que a concepción de Galicia se refire.

Supoño que debe ser unha fonda emoción ser o presidente de tódolos galegos, así o deixaban entrever as verbas de Feijoo no momento de prometer o cargo. Algunhas cousas do pasado non podo negar que voltaron aos meus pensamentos, mais o que agardo e desexo con sinceridade, como o faría con calquera que acceda a presidencia desta bendita terra, é que teña sorte no seu cometido. Doado non vai ser; xa na sesión de investidura observei os voceiros da oposición dar a sensación de que non existirá tregua dende o primeiro día, - no cargo e no soldo vai tan amargo cáliz-, cun brillante Aymerich ensinando as súas coñecidas habilidades dialécticas e unha fina ironía, propias dalguén chamado a xogar papeis maiores, e un portavoz socialista un tanto espeso pero cun interesante perfil galeguista como lle contaba ciberneticamente hai uns días a Mar Barcón. O bo de Ruiz Rivas quizais abusara dos xogos de palabras e da descualificación do adversario encuberta, ao máis puro estilo dos peores momentos de Xaime Pita, e o ribeirense, que é unha excelente persoa, non debe caer en actitudes impropias do voceiro parlamentario do partido máis importante de Galicia xa que por aí mal imos.

Claro que os xestos en política cara a cidadanía son importantes, mais non podo deixar de dicir que a presencia dalgúns nunha ofrenda floral nada menos que en Bonaval, ante os máis ilustres galegos que alí descansan, por parte de persoas –non todos, claro está- que apoiaron a unha organización tan antigalega como “Galicia Bilingüe”, rincha, por non dicir outra cousa. Disgustoume asímesmo o día seguinte, unha interpretación do himno galego na praza do Obradoiro, chamémoslle “apócrifa”, por parte dunha señora contra a que nada teño, mais sí contra os que permiten frivolizar con algo para min sagrado, xa sexa feito con aires andaluces como permitiu o bipartito na anterior lexislatura, ou coa versión, -que provoca aversión-, sui generis que agora adoptan os populares. Se van permitirse este tipo de aberracións, e disculpen a frivolidade, eu prefiro unha actuación dos “rumbeiros independentistas”  antes do sacrilexio ao himno de Pondal. Quizais sería boa idea que o novo Estatuto estableza a solemnidade coa que nos actos institucionais debe interpretarse ese símbolo de tódolos galegos, capaz de provocar a emoción en Manuel Fraga, aínda que cuestiónome cantos alí o sabían, e aínda con máis dúbidas cantos alí o sentían...

Un día despois tiñamos o anuncio do novo goberno ao que os diferentes xornais e tertulianos políticos do país atribuen un perfil máis técnico que político que eu comparto. Se isto fose o magnífico programa da canle pública “Hai Debate”, estaría obrigado a citar a Churchill  -van bater o record de citas do británico nun medio público- e diría que o problema da nosa época consiste en que os seus homes non queren ser útiles, senón importantes, co que será bo que este grupo de mulleres e homes desde o luns convertidos en conselleiros, teñan a valentía e o liderazgo suficiente para poder levar este país pola senda da recuperación que agora mesmo albisco lonxe, e aínda que algún que ocupe algunha consellería poida ser considerado unha “opción B” pola non aceptación doutros, esa especie de “teoría do caos” consiga que esa “causa-efecto” sexa beneficiosa para o país. O perfil político e baixo, polo que será un gabinete presidencialista, á falla de coñecerse quenes serán os “superdelegados”, cargo para o que non teño ningunha dúbida xa teremos outro tipo de perfís políticos, mais eu lémbrolle a Feijoo ese axioma político que dí que os líderes non se fan, emerxen...

Ou non?

4,13/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións