Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Outro Partido Popular é posible

17:55 10/03/2008

…E engadiría que necesario. O partido liderado por Mariano Rajoy, polo menos cara á opinión pública, tiña como obxectivo ser a forza máis votada e con máis escanos nas eleccións xerais. Evidentemente non o foi, se ben é certo que tivo unha subida con respecto aos pésimos resultados conseguidos hai catro anos nun escenario especialmente complicado polos atentados do 11 de Marzo e a súa xestión nefasta da crise que desembocou na lexítima victoria nunca recoñecida en “Génova” da formación fundada por Pablo Iglesias.

A derrota é o suficientemente dóce como para que, tras unha profunda reflexión e xa sen escusas pouco cribles, a formación popular vaia facendo unha máis que necesaria especie de Glasnost, abandone posturas crispadoras, non atenda consellos de determinados gurús da comunicación e se alonxe da influenza de FAES; que comece un tempo novo cunha urxente renovación tanto de ideas como de líderes. Xa se sabe que pouco vale a vitoria que non abrase de felicidade as veas do conquistador. No Partido Popular existe moitísima xente capacitada para unha renovación que os alonxe dos postulados radicais, dos peóns de Aznar no partido: Acebes, Zaplana, Aguirre, Arriola, Pío García Escudero e algún máis que non é tan coñecido mediaticamente. Fáiseme difícil pensar nunha nova candidatura de Mariano Rajoy dentro de catro anos, quizáis no próximo congreso do partido se teñan que tomar decisións senón drásticas sí o suficientemente importantes e significativas como para alterar o rumbo da nave popular cun cambio de políticas e dirixentes que transmitan unha imaxe dun centro-dereita moderno e responsable, capacitado para gobernar dende a moderación e o compromiso social.

No que á nosa terra atinxe, os dirixentes populares deberían facer unha profunda análise de cal é o motivo para seguir perdendo apoios a pesares de ser a forza máis votada nas catro provincias. Recuperar os signos de identidade galeguista no partido sería fundamental para que algún día poidan voltar a liderar a sociedade galega, pero non cun galeguismo artificial, senón aquel da xente comprometida co país, coa nosa cultura: sen medias tintas nin ambigüedades coa cuestión lingüística, que non subordine os intereses galegos aos intereses bastardos impostos dende a capital do Estado.

Nun sorprendente artigo no diario El País, durante esta campaña, un dos grandes intrigantes do xornalismo galego escribía sen ningún pudor que a rama “autonomista” do PPdeG a representaba ¡Xesús Palmou! A cegueira que pode producir unha amizade leva a afirmacións surrealistas coma esa e á manipulación da realidade. O PPdeG anteriormente tiña líderes que conseguían vitorias irrefutables, agora tenos que públicamente se amosan satisfeitos con victorias parciais. “De vitoria en vitoria até a derrota”, e se as cousas non cambian nas próximas eleccións autonómicas terán outra vitoria destas inútiles fronte ao avance do PSdeG no noso país. Alberto Núñez Feijoo, que ten todo o meu modesto respecto e aprezo persoal, está lexitimado para tomar todas as decisións que considere oportuno para lograr os seu obxectivos. O que acontece é que cando un fai renovacións un tanto sui generis corre o risco de que a realidade dos resultados remate renovando a quen non tomou as decisións axeitadas, xa sexa por acción ou por omisión.

4.6/5 (72 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións