Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Outros muros deben caer

10:00 12/11/2009

Dúas décadas pasaron xa dende a caída do muro de Berlín, símbolo do final dunha época na que esas separacións físicas entre pobos irmáns, tamén eran ideolóxicas, mais coma sempre visualizadas en maior medida polo interese político, que polo sufrimento da súa xente, falta de liberdade. Outros muros temos na política galega que tamén deben derribarse para que a lóxica impóñase á decadencia da acción política.

Exemplos temos a moreas nesta terra  que fan pensar na falla de intelixencia da nosa caste política, para ver máis alá da porta do seu ego infinito. Muros de temor a novos rostros e novas ideas teñen os aparatos dos partidos, cando nos seus congresos provinciais presentan candidatos que ao mesmo tempo presiden deputacións, investidoras fundamentais en concellos que sen ese financiamento non poderían subsistir, e polo tanto condicionan o voto dos delegados ao candidato co poder institucional. Exemplo claro do acontecido no congreso provincial coruñés do PSdeG, no que Lage Tuñas presentábase como alternativa ao aparato do seu partido espido de poder institucional, o que lonxe de poderse considerar un fracaso a súa derrota, ennobrece o importante número de votos acadados. Os muros da perda de debate no PPdeG pola súa querenza polos congresos á “búlgara”, nos que só concorre o candidato do aparato, e artéllanse presuntos mecanismos de presión para que os compromisarios non voten opcións de “outsiders” que poñan en perigo determinadas  poltronas, e como non, os muros da involución que a UPG pon no BNG, con respecto a correntes novas que queren abrir a base sociolóxica dun partido no que algúns pretenden facer “a casa común do galeguismo”, e outros seguir na trincheira dun nacionalismo de esquerdas máis cómodo sendo oposición, que cun proxecto para gobernar esta terra, como semella ter “Máis BNG”.

Preocúpanme especialmente os muros da indignidade coa nosa cultura, que observo colocan cada día os gardiáns da “liberdade lingüística”, presionando ao goberno coas súas teses e colocando na picota do insulto a todos aqueles que pretenden potenciar o galego sen crer na existencia de imposicións. Entristécenme os muros que as organizacións políticas poñen diante de xentes como Anxo Quintana, Camilo Nogueira, Xesús Palmou ou o propio Xosé Luis Barreiro, amortizando as súas posibles achegas á política galega nun momento no que non está precisamente no mellor nivel da súa historia. Ou como non, aqueles muros do dogmatismo nos que algúns pensan que en Galicia non debe existir un nacionalismo de dereitas, porque simplemente non lle interesa a todos aqueles que pretenden que a esencia do pensamento único estea alí, onde a comodidade do establecido, choca coa ilusión do ben artellado.

Pero hai máis, moitos muros máis por derrubar...

Ou non?

Uns apuntamentos:

*contrasta a exemplar actuación de Basagoiti e Feijóo no secuestro do Alakrana, coa do principal partido da oposición no Parlamento español.

*Un é plenamente consciente que determinados posicionamentos non saen de balde, mais está disposto a correlo risco. Sempre presente a fábula da ra e o escorpión.

*Que foi daquela promesa de regularizar o voto emigrante? Pode depender algunha deputación costeira del?

4.23/5 (86 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións