Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Di que si, Gloria

13:30 28/06/2010

"A honra", que concepto tan ambiguo, subxectivo, e ao mesmo tempo interesante. A presidenta do colectivo, digamos que non moi pro galego, "Galicia Bilingüe", vén de denunciar ás mocidades do BNG, máis coñecidas como Galiza Nova, por tela "deshonrado" por falar con esa liberdade da que ela tanto reclama, da súa labor profesional. Atopouse a devantida deshonrada con que na súa contorna profesional tanto estudiantes coma profesores exercían a súa liberdade, -esta si real-, para criticala polas súas reaccionarias consignas, para moitos antigalegas.

Sei de boa fonte que a señora Lago, nun momento dado impresionou ao cumio da pirámide popular cun discurso que cualificaban como fresco, e mobilizador dos sectores máis antigalegos das nosas cidades, cuxo voto –faltaría máis- vale o mesmo que o de calquera modesto galeguista supostamente afastado da realidade. Mais eses tempos remataron; agora mesmo, nin nas filas populares ten predicamento alguén que brama contra os que evidentemente se aproveitaron dela, mentres entre bambolinas a acusan de agardar a chegada dese "mesías" convertida en alter ego da susodita, chamada Rosa Diez.

Gloria Lago establece un parámetro cuantitativo para a súa honra en 30.000 euros. Teño que dicir, que estou de acordo. Para determinados personaxes da vida pública galega a honra debe ser cuantificada, e establecida a pecunia sobre a cal un considera que se xustifica a suposta deshonra sufrida.

Lamento e condeno, –e vai a serio-, profundamente os ataques aos bens materiais da señora Lago e a súa parella. A xustiza debe actuar sen contemplacións contra aqueles que consideran a violencia un medio xustificado contra ideas que non compartimos, por moi obscenas que as consideremos, entre outras cousas porque se dan argumentos a aqueles que utilizan asociacións como Galicia Bilingüe para facer un dano irreparable contra a cultura galega, en ocasións amparados por representantes elixidos polo pobo. Quizais os "eunucos" bífidos que pululan polos foros insultando a aqueles que non compartimos as teses desa organización, poidan dende o seu habitual e covarde anonimato, -de aí o de eunucos-, explicar porque esixen liberdade para unhas cousas e non a admiten para unha crítica, mellor ou peor argumentada, mais sen dúbida lexítima.

Neste caso señora Lago, se vostede o considera "mester" amplíe a denuncia a este modesto columnista que lle desexa o mellor dos futuros políticos da man desa patriota galega coñecida como Rosa Diez. Pero teña en conta que moitos non estamos dispostos a cuantificar unha honra que en ningún caso imos perder defendendo modestamente a cultura desta terra.

Ou non?

4,85/5 (168 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións