Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Pode ser realmente o BNG decisivo en Madrid?

14:07 08/04/2008

Estes días celébrase o debate de investidura do candidato do PSOE Jose Luis Rodríguez Zapatero á presidencia do goberno do Estado. Despois da súa vitoria electoral e a evidente derrota do Partido Popular (xa se sabe a teoría dos vasos comunicantes entre estes dous partidos, o que é un éxito para un é un fracaso para o outro), temos un novo escenario político no que as alianzas que propoñan os socialistas españois cos respectivos grupos da oposición poden ser fundamentais para o posicionamento político dalgúns partidos en xeral, e do BNG en particular, na gobernabilidade do Estado español.

O BNG planificou as eleccións xerais como unha oportunidade da súa formación, e polo tanto de Galicia, de ter unha verdadeira influencia en Madrid que se reflicte nas inversións do Estado no noso País, e ao mesmo tempo unha demostración da capacidade do nacionalismo galego de transmitir á sociedade galega un proxecto no que a formación de Anxo Quintana mostre a súa capacidade, disposición e potencial para algún día chegar a ser a foza principal na estrutura política de Galicia.

Existe un forte debate interno nesta formación sobre se os obxectivos foron acadados ou non. Hoxendía a dirección do partido vendeu ben a imaxe de éxito polo respaldo acadado, e transmite a potencialidade dos seus votos no parlamento español. Tendo en conta que durante a campaña sí existía un medo a unha baixada importante a favor do chamado “voto útil” a prol do PSdeG, o resultado pódese vender como mediáticamente bo, mais eu teño as miñas dúbidas de que así fose, pois dame a sensación que o BNG cumpriu máis que outra cousa. Voces críticas tan autorizadas como as de Camilo Nogueira ou o propio Bautista Alvarez sairon ao paso advertindo do espellismo deses resultados, falando do “camiño potencialmente destrutivo” que toma o BNG aceptando ser un partido “minoritario” subordinado aos partidos estatais, documento que presentou no consello nacional hai poucas datas.

Nesta columna xa me pronunciei varias veces a favor da figura de Quintana. É un político de corte moderado e polo que se ve integrador, pouco crispador e aparentemente cunha obsesión de servizo a Galicia por riba de intereses partidistas. Desexo que a influencia que cre ter acadado na “Villa y Corte” nos leve máis alá de apoios tan prescindibles como o que lle fixo a unha figura tan reprobable para Galiza como é a Ministra de Fomento Magdalena Álvarez a cambio de máis ben pouco. Quintana ten que ter en conta que temos un escenario de eleccións no País en pouco tempo e que o PSdeG ten que xogar tamén as súas bazas e ambas formacións comen en "potes" de votos moi similares. ¿Ate qué punto as hordas de Pepe Blanco permitirán que o BNG dea a imaxe de ser a forza que conquire os investimentos para Galicia? ¿Ate qué punto pode deixar o PSdeG que o seu socio no Goberno galego incremente unhos potenciais votos ou escanos que perfectamente poden ir tamén para os socialistas dende a súa visión?. Non nos trabuquemos, difícilmente o PSdeG deixará que eso suceda polo menos ate a cita electoral galega.

Dí Quintana que o BNG está en condicións de converterse no proxecto de referencia para tódolos galeguistas, e así o subscriben membros desta formación cos que teño posibilidades de conversar sobre o futuro dese conglomerado de partidos. Tamén está o sector ao que lle provoca proídos esta política de centrar a formación frentista. Acusan á dirección de querer ser unha nova Coalición Galega alonxada do purismo e o adoutrinamento da UPG, como ate o momento. Recoller votos de galeguistas descontentos do PP e daqueles que estando no PSdeG consideran que os socialistas non asumen o discurso galeguista (Suso de Toro dixit en El País) é o obxectivo primeiro, conquerir unhos resultados similares polo menos aos do 2001 (17 deputados polo menos) o seguinte. Mais eu fago unha pregunta: se o BNG prevee subir catro escanos polo menos e o PSdeG unha suba significativa loitando por ser a primeira forza de Galicia...¿entón qué vai pasar co PPdeG?, pois iso… xa saben.

4.48/5 (61 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións