Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Baltarismo versus aparato

12:50 14/12/2009

Onte

”Tódolos meus problemas parecían tan afastados
Agora parece coma se fosen quedar
Oh, eu creo no onte
De súpeto, non son nin a metade do home que adoitaba ser
Hai unha sombra voando sobre min
Oh, o onte chegou de súpeto”

Yesterday (The Beatles)

As veces é bo repasar as letras das bandas favoritas dun, como acontece co bo de Xosé Manuel Baltar e os catro fabulosos de Liverpool.

Apetecíame escribir un artigo dende un xornal dixital de liña supostamente nacionalista, para unha parte da militancia do PPdeG –dalgún xeito todos o son- no que puidese facer unhas reflexións dende a subxectividade, mais motivadas polo interese sincero da necesidade do coñecemento da militancia do que acontece as súas costas.

O PP de Ourense é de forma reiterada o celeiro principal e máis fiel que ten esa organización, a nivel incluso estatal, polo gran traballo dos seus dirixentes locais e provinciais. A militancia responde de forma abrumadora a uns dirixentes afastados do pragmatismo político que en ocasións dirixen excesivamente a nave co corazón, sen calcular que as súas accións poden non ser ben vistas por aqueles que no subconsciente recean dos que teñen a forza dos votos do pobo, tras pisar lama, percorrer congostras e estar próximos a quen representas, mentres os instigadores da inestabilidade dende despachos enmoquetados asignados polo dedo do poder, pensan ter unha superioridade intelectual e de “pedigree” social, que non pode admitir o que eles en boa lide xamais poderán conseguir.

Teño un moi bo concepto persoal do único candidato nestes momentos á presidencia provincial da organización en Ourense, Xosé Manuel Baltar. É unha persoa capacitada para o cargo, con demostrada capacidade de traballo e coñecemento da súa estrutura organizativa. Comete erros devastadores para a supervivencia política, como non medir ben os tempos, ir de fronte mentres o inimigo agarda agochado a súa oportunidade, e ser boa persoa, que lonxe de ser unha virtude loubable en política, é un déficit para as túas aspiracións nese complicado mundo. Se a dirección rexional do Partido Popular vise a máis mínima posibilidade de afastar os “baltaristas” do partido en Ourense, xa o terían feito, mais saben ter a paciencia que a outros lles falta, para facer e desfacer o que xa teñen decidido. Pedir independencia á sede rexional é un recoñecemento per se da súa non existencia en ocasións, e a crenza da posibilidade da súa existencia sería un síntoma inequívoco de febleza, moi lonxe do coñecemento que ten o “boss” ourensán do mundo da política galega. Ninguén pode crer que o delegado da Xunta en Ourense –un tal Roxelio Martinez- faga as declaracións que fai en ton ameazante cara a actual dirección provincial sen o visto bo da “nécora”, e por que non dicilo, sen a súa inducción.

Se finalmente se ten que volver presentar Xosé Luis Baltar á reelección como presidente provincial, non deixaría de ser un sonoro fracaso do propio  “baltarismo”  na busca da supervivencia en troques da coherencia. Elixir entre á fidelidade aos principios ou a submisión ao que desprezas por motivos máis alá da razón, fai que os vellos erros de non apoiar ate o final no que ti cres, e facelo de xeito vergoñento  aos que sabes que nunca confiarán en ti, rematen sendo unha ópera bufa de final xa escrito, que no seu guión fala dun remate convulso irremediable para os que dobraron os xeonllos ante aqueles que os desprezaban. Aínda que cada día me sinto máis fóra que dentro desa organización por pura concepción de país, sempre prefirirei a xentes como Miguel Santalices, Roberto Castro ou o bo de Xosé Manuel, antes que a “correveidiles” do poder establecido como Roxelio Martinez,  dispostos a facer o traballo sucio que outros encargan, mentres  diante dos medios disimulan, querendo dar sensación de independencia, cando xa decidiron abrir a “caixa de pandora” que ameaza con ser esta teima.

Nestes días que chega a choiva de meteoros das Xemínidas, agardo que quen non o merece, non se deixe converter nunha estrela fugaz máis, de forte e curta luminosidade, mais escaso percorrido.

Ou non?

Uns apuntamentos:

-Que diferencia de pluralidade entre o simposio “Ecolingua” organizado polo IGEA e as xornadas de Galicia Bilingüe da Deputación de Pontevedra pagados cos cartos de todos.

-Pedro Zerolo (PSOE) na manifestación sindical da pasada fin de semana ataca os empresarios mentres defende a política económica do gobernos español dos catro millóns de parados. Pódese ter máis desvergoña?

-O Presidente Feijóo está á altura das circunstancias no tema da fusión das caixas cando afirma que serán sempre galegas e vetará fusións con organizacións financeiras alleas a Galiza.

-No próximo artigo metereime “en casa allea” e falarei largo e tendido do interesante proxecto de +BNG.

4.45/5 (98 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións