Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

O “erro” de Vilariño de Conso

17:36 03/02/2010

Sucede que en ocasións non hai maior cego, que o que non quere ver. A dirección do PPdeG tenta vender mediaticamente o rexeite ao borrador do decreto do galego, coma un erro dun alcalde e concelleiros do partido “indocumentados”, e polo tanto, non aptos para emitir en liberdade un xuízo de valor, sobre un decreto que remitíndonos aos feitos, evidentemente non comparten.

O “erro” de Vilariño de Conso, pode chegar a ser tan famoso como aquel estraño caso que tan ben relatara Camilo José Cela no tardofranquismo, do “Cipote de Archidona” se fixeramos caso da valoración da dirección galega do partido a tamaña rebeldía ourensán. Os que temen unha revolución galeguista no Partido Popular, comezando por este digno concello ourensán, non deben temer a aquelas persoas e institucións que amosan un compromiso galeguista firme na defensa da nosa cultura, senón apoialo en sinal de respecto á historia desa organización en Galicia. O portavoz do PPdeG, na súa enfermiza obsesión de asemellarse ao papel que desempeñaba Xaime Pita noutros tempos, sae a palestra para defender o indefendible ao respecto da toma de posición dun Concello soberano. Rodríguez Miranda debe aplicar nas súas declaracións a recomendación destes días do Presidente Feijóo do “manual do home sensato”, para non rematar sendo algún día próximo –dito sexa con todo o respecto-, un potencial personaxe do “Celebrities” do programa televisivo “Muchachada Nui”,  máis que un representante da militancia do partido co que en ocasións disentimos das súas proclamas.

A valentía dos populares de Vilariño de Conso non é máis que o reflexo do que pensan outros alcaldes, deputados e militantes, que non saen aos medios por temor a perder moito máis do que poidan gañar. Hai un movemento claro de galeguismo no PPdeG máis activo ca nunca ao que non lle gusta que un partido que nos seus estatutos se autodefine como “galeguista” poida dar un só paso atrás na defensa e implantación do noso idioma. Somos herdeiros da tradición galeguista de Risco, e ao mesmo tempo, dende posicións críticas nesta teima, leais co Presidente do partido, ao que respectamos por riba de diferencias que cando son deste calado non poden ser consideradas puntuais. Dicía Napoleón que el o que quería eran xenerais con sorte. As veces dá a sensación que esa fortuna abandona a aqueles que están na comodidade de non buscala, por estar seguros que o devir dos tempos seralle favorable, utilizando a vella táctica “marianista” de mirar cara outro lado e agardar que escampe. Asemade non perdemos o tempo en rebater as críticas que chegan por opinar nun dixital de suposto corte nacionalista como “Vieiros”, no que só atopei liberdade para dicir o que quero, e xente comprometida con Galicia, aínda que algúns lle chamen Galiza.

Aos que din dende o anonimato que só “causamos problemas”, dicirlle que eu a iso chámolle decencia e coherencia. E aínda que algúns consideren que é doado facer proclamas estando supostamente no cumio da pirámide de necesidades de Maslow, -que tan ben relata o compañeiro Marcelino Fernández Mallo no seu espléndido libro “Klásicos”-,  non pararemos de dicir que coa cultura deste pobo non se xoga, e reclamar o dereito a disentir sendo fieis a unha estructura coa que nun momento dado podemos non compartir determinadas cuestións.

Ou non?

Uns apuntamentos.

-Parabéns ao bispo Quinteiro polo seu nomeamento como responsable da sede de Tui-Vigo. As miñas longas conversas con el, fan que poida afirmar que é un auténtico galeguista.

-Tanto Xosé Blanco como Francisco Caamaño son dous ministros dos que os galegos podemos estar orgullosos por riba de diferencias políticas.

-Algúns dirixentes socialistas critican abertamente o que aconteceu no congreso popular de Ourense, mentres non queren ver o que sucede na súa propia organización.

- En Ourense gañou quen quixo a militancia, guste máis ou menos a Tirios e Troianos.

4,79/5 (116 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións