Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

De como afrontar unha medio victoria e asumir unha medio derrota

09:00 10/06/2009

O pasado domingo Europa quixo seguir sendo de dereitas, mentres España deu mostra dunha viraxe cara posicións conservadoras e Galicia reafirmou a súa condición de celeiro de votos do PP e forza política de referencia da maioría dos galegos.

Durante a campaña electoral e os días posteriores, sempre lle boto unha ollada ao “Príncipe” de Maquiavelo, e chego á conclusión da súa inmensa sabedoría cando definía á política como unha esfera de acción na cal predomina unha actividade humana que consiste na loita pola obtención do poder, e o seu posterior mantemento; mais eu engado: A calquera prezo? Tamén fala o autor italiano sobre “os principados que se adquiren pola fortuna e coas armas alleas”, co que podo chegar a pensar que o florentino sería un experto en política española nestes tempos nos que cada quen utiliza os resultados das urnas en función do que lle interesa sen ningún pudor.

Vaiamos por partes:

O BNG colleitou un moi mal resultado despois de perder case 40.000 sufraxios posiblemente por ter a súa militancia desmotivada, probablemente desmobilizada, e seguramente defraudada. A vella lenda urbana que fala de que cando un resultado é negativo para a súa formación sae reforzada a UPG e cando é positivo... sae reforzada a UPG, pode estar máis de actualidade ca nunca con estes pésimos resultados que na miña opinión dan idea que o BNG post-quintanista aínda non ten moi claro cara onde camiña, e unha parte da súa militancia pode te-la sensación de provisionalidade do seu portavoz nacional. Sen non fan unha profunda autocrítica e seguen a botarlle a culpa ás supostas“campañas” de determinados medios de comunicación en troques de tomar medidas axeitadas, seguirán tendo un problema en forma de constante mingua de apoios, unido á desaparición da primeira liña de “combate” dun excelente político como é Anxo Quintana.

O PSdeG tamén viu como descendían os seus apoios de maneira significativa; é sen dúbida un castigo electoral a un goberno sobrepasado pola crise, incapaz de reaccionar axeitadamente e que ve como os seus manidos argumentos de culpar ás políticas neoliberais europeas non tiveron calado nos votantes, e iso si que é un acontecimiento planetario... Mentres Pachi Vázquez nunha entrevista dí que Touriño era moi tranquilo e el é capaz de poñer a militancia “como unha moto”; cos resultados á vista poida parecer que dita moto teña o motor case gripado e necesite un arranxo, unha manciña de pintura e maior respecto para a persoa que anteriormente a pilotaba, que ben merecido o ten. A nivel do Estado o Presidente Zapatero e o seu equipo escúdanse no dato de ser o partido socialista con mellores resultados dos países europeos, argumento propio de perdedores e sintomático da situación do partido do goberno, con cada vez menos apoios parlamentarios, e polo que se ve cidadáns tamén. Importantes xornalistas instalados na “Villa y Corte” comentábanme fai uns meses o desexo de “Ferraz” de perder as eleccións europeas “por pouco”, con tal de afianzar o liderado de Rajoy, ao que consideraban máis frouxo que outros líderes da dereita para unha posterior confrontación das Xerais. Hoxe dubido que pensen isto, e seguramente lles faga pensar o que eu comentaba cos devanditos xornalistas, cando lles dicía que un mes en política é moito tempo...

E finalmente aplicando a teoría dos vasos comunicantes, cando lle vai mal ao PSOE, vaille ben ao PP. A vitoria na miña opinión é modesta –o propio líder estatal apostaba polos 25 escanos e quedou en 23- e non debería bota-las campás a voar, pois na situación na que se encontra o Estado, seguramente con outros bimbios o resultado sería moito mellor para eles, e non teriamos que escoitar a un rosario de dirixentes populares, elección tras elección, falando da suposta consolidación de Mariano Rajoy –e xa van anos para conquerila- porque soa a “excusatio non petita, accusatio manifiesta”. Probablemente a Mariano lle suceda como ao Ricardo III de Shakespeare que ambicionaba o poder e o afecto que o poder proporciona, e de momento non os atopa, dirixindo un partido cunha facción disposta a pedir contas en canto chegue o primeiro revés, e a Presidenta da Comunidade de Madrid dicindo que Rajoy é o “rei” na partida de xadrez da política española, cando todos sabemos que ela era a “raiña” de enfronte, preparada para o “xaque mate”. Cunha participación tan baixa extrapola-los resultados pode inducir a autoengano, e polo tanto, a futuros fracasos electorais. En Galicia sería bo recordarlle aos vitoriosos populares que cando aumentan os apoios, aumenta xeometricamente o nivel de responsabilidade, e polo tanto o potencial nivel de iresponsabilidade tamén.

Mais o capítulo que agora me vén á memoria do “Principe” de Maquiavelo é o que fala  “dos que chegaron a príncipes por medio de maldades” perfectamente aplicable a determinadas institucións da política galega, mais diso se vostedes queren podemos falar outro día...

Ou non?

* Os seguidores habituais desta columna saben do meu profundo desacordo coas teses antigalegas de Galicia Bilingüe. Dito isto, os actos vandálicos que vén de sufrir estes días a súa presidenta merecen unha condena unánime, pois son mostra dun radicalismo fascistoide intolerable, e ademáis proporciona argumentos en contra das xentes de ben que consideran/consideramos ameazada a cultura desta terra por esa asociación, mais a defensa debe ser sempre dende posicións democráticas e con argumentos sólidos  fronte a posturas bárbaras.

4,36/5 (66 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións