Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

A nai de tódolos estatutos

11:35 26/11/2009

Sinto especial envexa por un pobo pouco acomplexado con todo aquelo que o diferencia do resto do Estado, como é o catalán. Unha parte ben significativa dos españois teñen en mente aos cataláns como individuos secesionistas e pouco fiables, inimigos da unidade nacional e avaros tanto no concepto de achega á unha determinada idea de España, como a nivel persoal. Verán vostedes que cantidade de topicazos poden ter algúns nas súas reducidas mentes.

Sempre un paso por diante dos demais, Catalunya e a súa clase política “velan armas” ante a decisión do Tribunal Constitucional sobre o seu Estatut de Autonomía, aprobado por lei orgánica polas Corts, e referendado posteriormente polo pobo en forma de sufraxio democrático. Os xornais estatais teiman por dar información privilexiada sobre a decisión duns maxistrados, que levan tres anos debatendo unha resolución agardada por uns e outros, e da que depende en gran medida o desenvolvemento ou a involución do chamado “Estado das Autonomías”. A prensa conservadora asegura nestes días que os maxistrados –algúns dos cales xa tiñan hai tempo que ser renovados ao estar en funcións - teñen decidido aceptar o 80% do texto referendado polo pobo, e botar atrás o termo nación e o nivel de novas competencias, iso si, sendo o máis probable que os maxistrados emitan nese aspecto “sentencias interpretativas”, ou o que é o mesmo, “cheas de ambigüidades”. Como diría un do meu pobo, “mollar non se van mollar”. É xusto un tribunal no que se fala de membros progresistas e membros conservadores?, a interpretación da lei dun órgano xudicial pode depender das tendencias políticas das súas mentes executoras pensantes? O problema vai ser que os cataláns teñen políticos dispostos a defender a conciencia de ser do seu pobo, como elemento distintivo, mentres noutras latitudes do Estado, o que para uns é fundamental para o seu desenvolvemento como ente, para outros simplemente non é “prioritario”.

Por todo elo, sinto envexa dun pobo con políticos na súa historia como Pla, Masiá, Tarradellas ou o propio Pujol, dispostos a antepoñer a “catalanidade”, e polo tanto os dereitos dos seus gobernados, fronte ás presións e resolucións ad hoc, das mentes interpretativas, que cando se atopan con políticos dignos como os que están baixo a Senyera, soban aire con palliñas torcidas, que diría Bukowski. Sinto tamén envexa da súa burguesía, orgullosa e promotora dos seus sinais de identidade, e tamén como non, sinto pena dos que non entenden que o diferente pode ser perfectamente complementario, sen ter que ser excluínte. Mais o Tribunal Constitucional rozando o “despotismo ilustrado”, ten que saber que o que para uns é inconstitucional, para os outros é a esencia do seu existir, co cal o conflito está servido, e a súa posible resolución moi complicada en tempo e forma.

Quizais estean superados os tempos nos que Maciá proclamaba que a moitos cataláns “interesáballes Catalunya, pero non crían nela”, mais eu lanzo a cuestión sobre esta frase, e se cambiamos o termo Catalunya polo de Galicia, e levamos ese debate á actualidade?

Ou non?   


*Uns apuntamentos:

o sábado 28 de Novembro celébrase o congreso provincial do PP de Pontevedra. Pena non ir, o debate ideolóxico vai ser de primeira...
O PSdeG está sendo demasiado ambiguo co tema da fusión das caixas. A busca de desgaste do goberno non pode supoñer irresponsabilidade.
Os mariñeiros do “Alakrana” coinciden en agradecer ao exército, gobernos galego e vasco, e a sociedade civil, a súa liberación. Tamén coinciden en criticar fortemente o goberno central. Branco i en botella...
Demasiados movementos estraños ao redor do congreso do PP de Ourense. E a min que me soa todo isto, recoméndolle máxima atención ao bo de Xosé Manuel.

4.65/5 (81 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións