Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Que erro, que inmenso erro! (*)

11:16 03/10/2007

“ Na política o arrepentimento non existe. Un equivócase ou acerta, pero non cabe o arrepentimento”
(Santiago Carrillo)

Parafraseando aquel mítico e desafortunado artigo (*) de Ricardo de la Cierva en plena transición española, cando El-Rei propuxo como Presidente do goberno español a Adolfo Suárez, podemos dicir o mesmo, con argumentos máis ou menos sólidos, máis ou menos convincentes, da proposta de referéndum do Lehendakari Ibarretxe sobre o futuro de Euskadi.

É un erro, non polos obxectivos a acadar, cos que incluso chegado o caso podo estar dacordo, senón polo momento e forma escollidas. A “folla de ruta” deseñada dende a Lendakaritza que inclúe o “principio democrático de respecto á vontade da sociedade vasca”, é unha aspiración do goberno nacionalista vasco, mais a súa ilegalidade manifesta e a súa probable condición de non constitucional, fan que neste momento político-social sexa cando menos desafortunada. O evidente enfrontamento entre o sector de Imaz, partidario do diálogo e non confrontación co goberno central, e o de Arzalluz-Eguibar, precipita unha cuestión, xa debatida e rexeitada por unha amplísima maioría do Parlamento español como é esta derivación nos termos, que non nos obxecivos, do chamado “plan Ibarretxe”.

Coa banda criminal ETA activa (se nalgunha ocasión deixou de estalo), cos empresarios extorsionados, cos cargos dos partidos do chamado “bloque constitucional” ameazados, acompañados día e noite de escoltas e mirando a cotío os baixos dos seus coches, non se cumpren as condicións axeitadas para unha consulta desta natureza, cuestión que ata o residente de Ajuria Enea afirmou no seu momento non faría se ETA seguía a marcar o día a día das tensións sociopolíticas de Euskadi, e ese escenario neste momento por desgraza é unha triste realidade.

Supoño que ao Lehendakari gustaríalle unha consulta do tenor da que fixeron no Québec, con respecto a súa independenza de Canadá, aínda que despois de catro referéndums sobre o tema, o globo soberanista pinchou, para desgraza dos do Parti Québécois. En Euskadi, ¿cales serían as consecuencias dunha derrota electoral das teses do PNV?, ¿cales dunha victoria?, ¿qué nivel de presións e coaccións acadaría ETA neste proceso? ¿ata qué punto existe liberdade agora mesmo en Euskadi para facer unha consulta deste tipo e que o pobo vote en conciencia?, quizáis demasiados interrogantes. Teríamos que pedirlle a Zapatero aquelo que decía o filósofo latino Horacio “Lembra conservar a mente serea en momento dificiles” ( Aequam memento rebus in arduis servare mentem).

Insensatez intemporal

O Presidente do Goberno debe manter unha postura firme neste difícil momento, e non permitir, mediante os resortes e mecanismos establecidos na Carta Magna, tamaña insensatez atemporal, sen ter que chegar á aplicación do artigo 155 da Constitución como sen dúbida gostaría no cuartel xeral de “Génova” e nalgún medio de comunicación madrileño que xa comenza a pedir a revisión do chamado “cupo vasco”

Cando en Euskadi calen as armas, cese a kale borroka, o empresariado deixe de estar atemorizado, en definitiva cando o pobo vasco sexa plenamente libre, entón sí, articulemos os mecanismos necesarios para que a Constitución reforme o articulado e permita unha consulta popular para coñecer a voluntade dos vascos, respetándoa por ser feita e votada dentro dun marco firmemente democrático, o cal ao día de hoxe non se produce.

Este pasado domingo no Alberdi Eguna supoño que Quintana tomaría boa nota das tensións que este tema pode xerar entre os propios correlixionarios, mentres disfrutaba ao carón da dereita nacionalista burguesa vasca e catalana, en tan significado acto político.

En definitiva, estou dacordo no fondo pero non na forma, xa dixemos en algún outro artigo que o político intelixente é o que sabe marcar os tempos, e semella que neste caso Ibarretxe non o fixo

4.33/5 (91 votos)



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións