Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Triloxías galaicas

13:23 12/01/2010

Vivimos xa no ano I da nosa era, tras a publicación do decreto trilingüe, que marcará un antes e despois nas nosas vidas –observen vostedes a fina ironía-, e que será o comezo dunha auténtica revolución no social, da que se falará sen dúbida nos séculos vindeiros –e dálle coa ironía-.

Os galegos polo que se ve somos moi dados as triloxías, témolas en moitos ámbitos da nosa existencia, témolas na política, na economía, no deporte, no pasado, quen sabe se no futuro, e incluso no presente lingüístico...

Xa na antiga Roma o poder político pasou por triunviratos como o de César, Pompeio e Craso, na actualidade no PP temos a Feijóo, Rueda e Louzán, no PSdeG a Pachi Vázquez, Pepe Blanco e Ricardo Varela, e no BNG a Paco Rodríguez, Aymerich e Guillerme Vázquez. Dalgún xeito todos son “contrapoder” dos demais e piares das súas estruturas, e porque non dicilo, posibles térmites de facto tamén delas. Un paisano do meu pobo, deses de sabedoría innata que nunca alcanzarán xentes con formación, diría “que xa non hai líderes coma os de antes”, auténticos temoeiros das súas organizacións, como puido ser outro “triunvirato” virtual como o que formaban Beiras, Fraga, e en menor medida Touriño.

Como tridimensional é tamén a nosa propia estrutura económica baseada no campo, cun sector gandeiro afogado pola “cota láctea”, e con explotacións cada vez máis ruinosas, un sector pesqueiro, líder na Unión Europea, mais afectado tamén pola crise; e un tecido industrial en proceso de desmantelamento, que fai albiscar horizontes non moi claros para a nosa economía nos próximos anos –como verán vostedes reboso optimismo-. Podemos falar tamén da lesión máis temida polos futbolistas chamada “triada”, e facer unha analoxía co que está a acontecer co noso idioma, chamándolle “triada trifásica” que sería unha primeira fase co desmantelamento das “galescolas”, unha segunda a derrogación da obrigatoriedade do galego para o acceso á función pública, e unha terceira que sería o devandito borrador do decreto do galego, que tanto dá e dará que falar. Como ven vostedes estamos rodeados de “moito trío de Deus”, que diría un castizo...

La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, El Correo Gallego nos media, ou Celta, Deportivo, Obradoiro, no deporte, todos eles necesitados de facer auténtica “trigonometría” financeira para sacar adiante os seus proxectos con esforzos humanos máis próximos ao que é un “triatlón” que a unha empresa normal. Tamén temos actitudes políticas máis propias dun espectáculo de “Tricicle” que á seriedade que require este momento no que como diría Zapatero estamos nunha gran “desaceleración” económica, máis coñecida por empresarios e traballadores como “debacle total”. Todo isto non deixa de ser máis que a punta do iceberg da nosa masa sistémica, alterada por factores exteriores en moitos casos, como os chamados “bífidos” camiño de ser “trífidos”, moi ao seu pesar. Será que teño claro que algunha serpes pasan meses sen comer e cando o fan poden “morrer” e atragoarse.

En resumo, que dende que lin o borrador do decreto trilingüe, xa non son “o mesmo”, e véñenme á memoria de novo os Romanos, como dicía ao principio, mais claro, como a Historia sempre se repite, teño como evidente, e tamén a utópica esperanza, que despois de César, Pompeio e Craso, viñeron Marco Antonio, Lépido e Octavio...

Ou non?

Uns apuntamentos:

-Cantos destacados membros do PSdeG no fondo están de acordo co espírito do decreto do galego, a pesares da postura oficial de rexeitamento do mesmo?

-Mar Barcón, a quen respecto, nestes días fala moito do que está a acontecer no PPde Ourense. Eu modestamente recoméndolle a lectura do evanxeo de San Mateo 7:3, e alí poderá atopar a súa propia verdade.

-Supoño que en Ourense tomarán boa nota do que dende a capital están facendo. Dá para un capítulo do “diálogo no inferno entre Maquiavelo e Montesquieu” de Maurice Joly, lectura que recomendo para entender algunhas cousas que están acontecendo.

-Moita xente pregúntame porque remato sempre os artigos co “ou non?”. Simplemente como non me considero en posesión da verdade absoluta nin me creo un oráculo, e é unha forma de convidar o lector do artigo a expoñer a súa opinión sobre o tema tratado.

4.49/5 (78 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións