Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Foi antes o ovo que a galiña

11:00 08/07/2009

Mentres a conciencia é recta se sostén en pé, eu non teño máis que esa forza, mais basta”
Victor Hugo.

Sempre preferín a ética combativa dalgunhas minorías á mansedume compracente dalgúns comodamente instalados na maioría. Mellor comprometerse coas túas referencias vitais que morar no universo devastador da traizón identitaria.

Lendo estes días os numerosos manifestos a favor da nosa lingua, o seu fomento e a súa protección, non podo máis que sumarme a eles nun exercicio de responsabilidade. Observando a entrevista de onte no excelente Xornal de Galicia do Conselleiro de Educación sobre a decisión de non segregar os nosos nenos nas escolas polo idioma, -sen dúbida a idea máis reprobable en materia de educación que vin na miña vida- e despois de diversas reunións que tiven estes días, teño o convencemento de que algúns xa son conscientes da tremenda fenda social que están a provocar, e non saben como saír da situación sen quedar tocados politicamente. Os intereses do país e a nosa cultura –ás veces semella tristemente no ser o mesmo- teñen que prevalecer fronte os egos mal entendidos e as ansias de poder mal calculadas. Recuar neste caso non sería de sabios, mais si de xentes responsables. E xa teñen claro –digan o que lles digan mediaticamente- o erro de facer unha absurda enquisa á maneira do referendo para a reforma política da Transición española, con aquela mítica canción “Habla pueblo habla”.

As presións dalgúns grupos xa penosamente famosos na nosa terra, pola súa loita contra a “imposición do galego”, deben facer reflexionar ao executivo do país. Supoño que será lenda urbana esas reunións nas que os membros de organizacións “bífidas” bótanlle en cara –con dedo ameazante de por medio- a representantes da Xunta a súa decisiva participación no éxito do goberno popular nas pasadas eleccións autonómicas. A culpa probablemente non é deles, senón de quen lles dan cancha, e lexitiman movementos obsesionados con frear a existencia do idioma cooficial de Galicia, por medo ao que eu sempre chamo “pseudoelites”, non poidan manifestarse en castelán en reunións sociais de “alto standing”, ou en salóns de té nos que se xuntan a diseccionar o país –o que eles chaman autonomía- para ver a forma de frear o paletismo incipiente na sociedade galega, e axudarnos aos demais a ver a luz, agora eclipsada, por todos aqueles que pensamos que o galego non só é un dereito, senón unha referencia vital.

A nosa clase política déixase influír por estes movementos por medo a perder a poltrona, e o que perden é a dignidade. Coñezo xa o caso dalgún rexedor que castelanizou o seu nome –que o tiña en galego de orixe- porque politicamente “lle interesaba-, co que para min xa queda eticamente desautorizado para dar leccións de compromiso con esta terra. E, por contra, sendo crítico coa súa liña actual de compracencia co tema do idioma, agradecerlle a Xosé Luis Baltar o seu paso á fronte no Irixo o pasado sábado criticando os devaneos da Xunta co idioma. Vin fai uns días unha reunión da representante de Galicia Bilingüe con membros do PSdeG, trala cal afirmaba a sintonía dos socialistas coas súas obscenas teses; dubido que sexa certo e gustaríame un pronunciamento de galeguistas desa formación como Leiceaga ou Lage Tuñas ao respecto. Algúns movementos coa súa actitude semellan estar máis cómodos sendo parte do problema, que sendo parte da solución; neste caso aplaudo a posición do BNG de non reunirse con eles, pois unha cousa é o debate democrático e outra ir a perde-lo tempo...

A un que o “acusan” de “nacionalista cultural” nos moi entretidos foros dos “bífidos”, como se fose algo pernicioso, non lle queda mais remedio que afirmar que determinados reproches non deixan de ser louvanzas nos meus oídos. A culpa é pois de quen os lexitima, foi pois antes o ovo que a galiña...
Ou non?


Uns apuntamentos:

-Cantas veces se trabucaron as maiorías na Historia?
-Señor Presidente da Xunta: Ourense chámase Ourense aquí e na China popular, e non “Orense” aínda que estea vostede en TVE.
-Unha cousa é o que el desexa facer, e outra ben distinta o que algúns lle van deixar.

4.83/5 (109 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións