Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

De adiantos electorais, ética e outras teimas

17:00 18/08/2008

Soan tambores de guerra nos cuarteis xerais dos partidos galegos ante a posibilidade dun adianto electoral, difícil de explicar se non é dende a perspectiva dos intereses particulares dun determinado partido, á marxe dos do país.

Polas praias do Salnés pasea estes días Emilio Pérez Touriño reflexionando sobre o tema, escoitando e lendo a uns e a outros e querendo dar a sensación de ser el o que marca os tempos, a pesares das presións que chegan dende "vila PSOE", na fermosa Illa de Arousa.

Cónstame que Xosé Blanco, indiscutiblemente o home máis poderoso do Partido Socialista, está polo adianto ante a perspectiva dun comezo de ano economicamente complicado. Touriño resístese, mais a decisión de facelo pode estar máis perto que lonxe. O vergonzante é que unha decisión dese calado se poida tomar atendendo aos intereses electorais do partido socialista por riba dos que conveñan a esta terra. A decisión de Touriño será legal –faltaría mais- o que non teño tan claro é que sexa ética, por non consensualo cos seus socios da mesa do Consello da Xunta, no marco dun goberno de coalición que non rompeu a pesares de celos, recelos e diferenzas constantes entre eles, na xestión dos intereses dos galegos. Comentábame hai poucos días o director dun importante xornal galego, que non cría no hipotético adianto debido a que podía afectar a dous presupostos da comunidade galega e que tiña o Presidente moi difícil “vender” o porqué desa decisión. Como ven vostedes, opina todo o mundo excepto o que ten e pode decidir.

Emilio Pérez Touriño merece todo o meu modesto respecto político, aínda que teña claro que non é precisamente Olof Palme – nin eu Azorín-, pero teño moitas dúbidas da súa capacidade para poder liderar esta terra nos momentos de dificultade económica nos que nos atopamos e mais tendo en conta a irresponsabilidade que supón o converter un problema de intereses e presións internas, nun para o país. Xosé Blanco minte cando di que non presiona. Cónstame por xente próxima a el que non é así, e que as últimas enquisas internas (desas que non se publican), xa non dan os resultados de hai unhas semanas, de aí a premura da decisión por tomar.

Enfronte as hostes de Feijoo coméntanme que están preparadas. De feito, xa tiven acceso a algún argumentario de campaña, mais se os líderes van a ser do tenor de Pilar Rojo e Jesús Palmou, dame a sensación de que o presidente dos populares, que ten o meu aprezo persoal, a pesares de estár nas antípodas del en temas como o da lingua, non ten demasiadas vimbias para ese cesto…

ou non?...

4.48/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións