Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

E se encontra algo mellor … cómpreo

12:50 11/02/2008

"Cando a limosna é moita ata o santo desconfía…"
(refraneiro popular galego)

Unha frase que repetía con moi bo criterio meu avó, alá polos anos oitenta, e que gaña actualidade polo axeitada que é para definir a reacción que os cidadáns de ben deberían ter cara ese noxento "mercado persa" no que se está convertindo a precampaña das eleccións xerais.

Despois de moitos anos de coñecer e tratar profundamente a mal chamada "clase política" sigo a ter dúbidas sobre se pensan que todo cidadán ten algún grao maior ou menor de oligofrenia no que ás súas promesas políticas de saldo de última hora se refire. Así nos tratan, como xente sen capacidade para discernir e darnos conta entre o que é un engano e o que non.

A cuestión electoral ten que estar moi axustada con tanta promesa económica kamikaze/m2, tanto por parte do PSOE como por parte do partido liderado por Aznar na sombra. As estratexias van mudando en función do que consideran que pode ter socioloxicamente efecto sobre o voto. Incluso algunha ministra asiste a debates televisivos con apuntes escritos na man, cunha posta en escea mais propio da novela "el florido pensil” de Andrés Sopeña pola súa estética, que dun membro dun goberno medianamente serio que reflicte un tenor patético abraiante.

Se a economía vai ben, o PSOE fala da brillante xestión de Solbes, mentres o PP céntrase na política antiterrorista. Mais se a economía comenza a ter parámetros polo menos preocupantes, o PSOE ataca (con bastante razón) aos bispos, -que non fan outra cousa que xerar votos para as opcións de esquerda-, e volve coa teima da guerra de Irak. Neste caso o PP volve a cambiar de tema estrela para facelo agora co debate microeconómico da cesta da compra, cuestión que o partido no goberno atribúe a unha globalización económica contra a que dí non ter moito que facer. En resumo, que a un danlle ganas de absterse e non acudir ás urnas, saindo unha vea nihilista que sinceiramente non coñecía.

Temas secundarios
Cristina de Suecia nunha, ao meu entender, moi axeitada frase dicía que o segredo de poñer en ridículo ás persoas é conceder talento a aqueles que non o teñen, e dalgún xeito indo votar, estarán vostedes dacordo comigo, sí que estamos a concederllo aos nosos políticos. Teremos debates tanto no ámbito estatal entre Zapatero e Rajoy (agora sí quere o líder popular, non como hai catro anos), como no ámbito nacional, entre Touriño, Quintana e Feijoo. Non agarden vostedes grandes discursos dogmáticos, nin solucións milagreiras minimamente coherentes sobre a nosa economía, nin consensos sobre o modelo de Estado, por non falar da tan necesaria reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia, estos son temas secundarios para eles, sempre e cando non se lle poida sacar un rédito electoral.

A terceira opción non semella de momento entrar no devandito mercado persa mais o BNG ten tódalas papeletas para ser un actor secundario nestes comicios pola bipolarización do voto entre os grandes partidos estatais. Un resultado potencialmente negativo que ten preocupados aos dirixentes frentistas por poder supoñer unha inxusta crise de liderado de Anxo Quintana, un político ao que respeto e que representa unha imaxe moderada e positiva para a súa organización, alonxada xa doutros tempos máis radicais do nacionalismo de esquerdas na nosa terra. Un mal resultado podría provocar un cambio de temón que fixesen aflorar as diferenzas máis que evidentes no seo do goberno galego entre os seus socios, chegando á posibilidade de rachar un executivo que non ten dado precisamente unha gran imaxe de solidez e compenetración.

O irlandés Bernard Shaw pensaba que só pode triunfar no mundo quen se levanta e busca as circunstancias e as crea se non as encontra. Non sei se a nosa clase política na actualidade ten varas para ese cesto…

4.41/5 (63 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións