Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

O 17-M comprometidos con Galicia

11:00 13/05/2009

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a tódolos galegos a manifestarse en Compostela o 17 de Maio, co gallo do “Día das Letras Galegas”. Velaí estaremos moitos, non encontra de ninguén, senón de forma construtiva a prol da nosa lingua e da nosa cultura; un día para mostrar á sociedade a forza e, como non, o orgullo de país e a nosa condición de galegos comprometidos con esta bendita terra.

Este ano a festa da nosa cultura está adicada nada menos que a un absoluto referente do galeguismo chamado Ramón Piñeiro. Honremos o seu legado e actuemos en consecuencia en tempos complicados para a nosa lingua, e ao mesmo tempo ilusionantes para todos aqueles dispostos a loitar constructivamente por ela.

Observo nos comentarios de VIEIROS moito e respectable debate dogmático sobre o noso idioma, a súa fonética, as influencias lusistas, e mesmo o reintegracionismo. Penso que non é o momento das confrontacións e sí da unidade na causa común, na defensa do idioma. Falaba o pasado domingo co escritor Xabier Alcalá precisamente sobre este tema, e deume unha das claves fundamentais que comparto no tocante a concepción popular do galego, cando fala da admiración polas xentes deste país levitante que mellor se expresan no idioma asilvestrado que deixaron en herdo os que sabían que non valía nada para algúns, e ao mesmo tempo déronnos as pautas necesarias para nesta materia limar arestas e amolar durezas. É o momento da unidade sen fisuras, é un exercicio de responsabilidade.

No congreso do PPdeG da pasada fin de semana tiven a posibilidade de falar deste tema con membros da executiva; observei algunha xente comprometida co galego dentro do partido, preocupada pola actitude belixerante dalgúns compromisarios das cidades co idioma, e o desexo expreso de non pasar da denuncia –para min irrisoria- da imposición do galego a xustamente todo o contrario; unha busca de equilibrio nesta cuestión que vexo moi complicada de resolver no seo do PPdeG, que ten que ser consciente de que a perda de galegofalalantes que sufrimos é pobreza para a nosa cultura e a nosa identidade como pobo. Sí tiven a oportunidade, e ao mesmo tempo a satisfacción, de falar con deputados, alcaldes e persoas relevantes do partido, en sintonía coas teses que modestamente defendo, pois xa me sentía –salvando as inmensas distancias- como Custer en Little Big Horn, só e rodeado de “inimigos”. Agora teñen que ter a valentía de expresar publicamente o que a min me dicían, aínda que non sei porque me dá a sensación, que ese momento polo de agora non se vai producir...

En Compostela, o domingo, agárdoos a todos eles e a tódolos galegos que sintan esta terra, o seu idioma, a nosa condición de pobo diferenciado que nos autoidentifica e que estean dispostos a deixar claro que non somos un país máis, que temos  sinais de identidade propias, e  profundo orgullo de louvar e ter como referencia a figuras senlleiras da nosa cultura, como é o gran Ramón Piñeiro.

Ou non?

4,53/5 (80 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións