Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

A clave foi Guerra (Alfonso)

19:34 02/11/2007

“Non vai coñecer España nin a nai que a paríu”
(A.Guerra)

Vintecinco anos despois daquel xa histórico 28 de outubro no que o PSOE accedeu ao poder trala ditadura do xeneral fascista Franco, e un convulso pero exemplar período político que coñecemos como transición, unha serie de artigos conmemorativos de tan importante data parecen centrarse na figura política de Felipe González, obviando a do seu alter ego, e coautor principal dese éxito, chamado Alfonso Guerra.

O berce de todo aquelo estivo no Congreso de Suresnes de importancia fundamental para o que é hoxendía o socialismo español e o galego. A chegada á secretaría xeral de González, e a toma do poder no partido do chamado “clan da tortilla sevillano”, encabezado ideoloxicamente por Guerra, fixeron que as frases do tenor de “ou o marxismo ou eu”, en busca dunha moderación ideolóxica e dunha apertura á nova situación política, e a posterior descomposición anos despois da UCD polas súas liortas internas (¿a qué me soa isto?), permitiran a chegada ao poder dunha forza de esquerdas, por primeira vez dende a triste data do 18 de xullo de 1936.

Sen dúbida, González foi a imaxe atractiva de verbo fluído e florido daquela mítica xa dupla, pero Guerra ao mesmo tempo manexaba con man de ferro os resortes internos do partido e a organización da súas bases exemplarmente: “O que se mova non sae na foto” frase atribuída a el e que nega nas súas interesantísimas memorias “Cuando el tiempo nos alcanza”. Nun tempo de políticos brillantes de tódalas formacións en contraste cos dos nosos tempos encabezados en mediocridade por ese aprendiz de Guerra, chamado Pepe Blanco, Guerra foi un adiantado ao seu tempo. Xa daquelas falaba da “morte de Montesquieu” con respecto á ausencia da separación de poderes entre o lexislativo, o executivo e o xudicial que a carta Magna promove, tema tan de moda hoxe por hoxe coas liortas PSOE-PP pola renovación dos membros do Consello xeral do Poder Xudicial.

Aquel mítico lema de campaña “Por el cambio”(sic) ideado por Guerra, que foi novamente utilizado recentemente para a súa vitoriosa campaña presidencial pola xa vencedora dos comicios arxentinos Cristina Kirchner “el cambio que recien empieza”(sic), foi unha realidade tanto a nivel social como a nivel político. Cos gobernos socialistas e a entrada no daquelas chamado “Mercado Común” o salto nas condicións económicas e na calidade de vida dos españois foi enorme, co manido termo do“estado do benestar”.

Perspectiva galega
Dende unha perspectiva galega, as cousas difiren un tanto, pois Guerra foi o paradigma do político xacobino centralista tan do gusto de Ferraz, e ademáis  fixeron todo o posible, en contra dos intereses dos socialistas galegos, para conseguiren a volta a Galicia do líder dos conservadores españois, Manuel Fraga, deixando unha dereita malferida que garantise a continuidade no poder de González e os seus, nunha manobra orquestada por Guerra, ata a irrupción na política do Estado do novo líder dos conservadores españois de cuxo nome non me quero acordar…

Sí foron posibles feitos fundamentais para o noso desenvolvemento político-económico como a negociación e posterior acordo  do Ministerio de Obras Públicas socialista cunha Xunta de Galicia xa popular sobre as autovías de conexión coa Meseta, un dos eixes fundamentais da nosa economía, aínda lastrada polo déficit no que se refire aos “camiños de ferro” tema  no que aquel goberno socialista e o seu secrecretario xeral de infraestructuras, un tal Emilio Pérez Touriño, miraron cara outro lado, aínda que é xusto recoñecer que os gobernos populares posteriores fixeron o mesmo, pero xa se sabe que mal de moitos…

Guerra lóxicamente foi o obxectivo a bater tanto pola dereita poítica como pola mediática. Rematou dimitindo da Vicepresidencia do goberno despois dun acoso mediático sen precedentes ata o daquela, cunha serie de escándalos non suficientemente clarexados. Na actualidade é o parlamentario máis antigo e preside a Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados, que garante lexislativamente da constitucionalidade de temas da relevancia dos Estatutos de Autonomía, materia que polo que se ve, deixou de importar na nosa terra.

O tandem González-Guerra pasará a formar parte da historia política con maiúsculas reflectindo un período ilusionante para tanta xente cansa e frustrada polo réxime fascista anterior.

4.33/5 (72 votos)



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións