Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Unha visita de provincias

10:10 17/06/2009

Sorte que remataron aqueles tempos da España en branco e negro na que os galegos viaxabamos á capital do Estado e os capitalinos tratábannos como provincianos e asignábannos os traballos que eles non querían, e que realizaban coa dignidade de pertencer a un pobo secularmente afeito ao esforzo e á tenacidade; iso mudou e agora somos un pobo orgulloso disposto a defender os nosos intereses por riba das veleidades xacobinas que puideran ter os nosos dirixentes. O Presidente Feijoo afirmaba hai uns días que “Galicia cando se respecta sempre responde”, e eu digo que agora aínda responde moito máis no caso de que non se faga. O galego xa non emigra en troques de protestar.

Acudía a mañá do luns Feijoo á Moncloa a entrevistarse con Zapatero; no seu maletín, con toda seguridade, levaba os temas máis candentes e que máis preocupan ao galego medio e as conseguintes reivindicacións para eles. Despois de acordar o Parlamento galego unha postura común sobre o financiamento co obxectivo de non quedar nunha posición de inferioridade con outros territorios do Estado unha vez máis, agora chega o momento de esixir uns prazos concretos para os nosos novos camiños de ferro. Xa falei nalgún artigo anterior do meu convencemento da boa futura xestión en Fomento de Xosé Blanco, e aceptando o dito por el sobre o recoñecemento de incumprimentos nos prazos do AVE, e o luns referendado polo Presidente Zapatero, establecer uns tempos claros de execución e financiamento, e en clave política esixir a renuncia a acta, agora de eurodiputada, de Magdalena Álvarez polas súas reiteradas mentiras e falta de respecto ao pobo galego, tras garantir a chegada do “cabalo de ferro” á nosa terra no 2012, mais as esperanzas non son moitas, pois xa no 1933 Castelao denunciaba que o ferrocarril galego tiña unha longa historia que sangra inxustiza.

Outro tema que estaría sobre a mesa sería aquel no cal o goberno español se comprometería a defender o noso sector leiteiro ante a súa posición de inferioridade con respecto a países como Francia, sen permitir que os favores debidos ao “pequeno Napoleón” –como foi a invitación para estar nas reunións do G-20- o teñan que pagar os nosos gandeiros co peche masivo das súas explotacións ante a falla de competitividade. É un sector estratéxico para a nosa economía que debe ser respaldado e apoiado sen condicións polo Presidente galego.  Os estaleiros de Fene e a potenciación necesaria dunha comarca historicamente tan convulsa como a de Ferrol-Terra, a internacionalización do proxecto da Cidade da Cultura e a promoción de Galicia co ano Xacobeo 2010, a modernización da flota pesqueira máis importante de Europa, e o consenso con respecto ao novo Estatuto, son prioridades a debater entre as dúas administracións, de diferente signo político, mais co interese común da defensa dos dereitos dos galegos. Sempre presentes as tres fontes de riqueza de Galicia que citaba o rianxeiro: “o albre, a vaca e o peixe”.

Con todo o Presidente Feijoo non debe confiarse da amabilidade do señorito de cidade,  pois xa se sabe que os coñecidos de provincias míranse cunha certa distancia, non vaia se-lo demo que o raciocinio lexendario dos galaicos, se impoña aos intereses centralistas.

Ou non?

* Pasaron as eleccións e non se oíu falar de novo nin dos emigrantes, nin do voto en urna, nin dos dereitos dos “residentes ausentes”, nin... agardemos logo unha nova cita electoral, e verán vostedes unha nova romaría de alcaldes cara as Américas.

4.07/5 (69 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións